AlertCops facilita a denuncia de ocupacións ilegais

mércores, 23 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A aplicación móbil AlertCops, creada como canle de comunicación coa Policía e a Garda Civil para dar conta de delitos e recibir avisos de seguridade cidadá, incorporou un botón para comunicar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da ocupación ilegal de inmobles, aviso que pode realizar calquera cidadán, que tamén pode achegar fotografías e vídeos para documentar o ilícito.
Esta funcionalidade chega paralelamente a un novo protocolo de actuación establecido pola Secretaría de Estado de Seguridade ante as ocupacións ilegais de inmobles, unificando criterios de actuación na resposta policial ante violación de domicilio na liña dos criterios fixados pola Fiscalía Xeral do Estado. Este novo protocolo facilita o desaloxamento inmediato sen precisar da solicitude de medidas xudiciais no caso dun delito flagrante.

Sen versión en galego

Desafortunadamente esta aplicación só está dispoñible en español, inglés, francés, alemán, italiano, ruso e éuscaro, ignorando o galego e o catalán, o que resulta moi pouco apropiado para unha ferramenta de balde achegada polo Ministerio do Interior.

PUBLICIDADE