Alertan do desastroso funcionamento do robotaxi de Tesla

martes, 24 de xuño do 2025 Marcus Fernández

O pasado domingo comezaron a circular por estradas públicas en Austin (Texas) os moi esperados robotaxis de Tesla, con numerosas limitacións como ter que contar cun condutor de seguridade no asento do copiloto, non operando baixo condicións climatolóxicas adversas e podendo trasladarse unicamente por unha rexión moi acoutada e altamente rexistrada en mapas.
Pero todo iso non parece ter sido dabondo, e en poucas horas proliferaron vídeos dos vehículos en funcionamento nos que podiamos ver como os vehículos autónomos de Tesla (que só son unha ducia) non respectaban os límites de velocidade (incluso en zonas escolares), circulaban polo carril errado (chegando a pisar a liña continua para poder corrixir a traxectoria), realizaban movementos erráticos e incluso freaban bruscamente sen motivo aparente. Tal é o despropósito que a Administración Nacional de Seguridade do Tráfico nas Estradas (NHTSA) xa contactou con Tesla para pedir información sobre os incidentes que se están a rexistrar.
Tendo en conta que Elon Musk leva anos prometendo unha condución autónoma total, sorprende o desastroso desempeño dos novos robotaxis, especialmente se temos en conta que o seu competidor máis directo, Waymo, xa ten vehículos operando sen condutor de seguridade dende 2020 e opera comercialmente en varias cidades dos EE.UU. rexistrando máis de 250 mil viaxes á semana.