Alg-a converte o MARCO nunha industria democrática de tecnoloxías

venres, 26 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

O museo MARCO (Museo de Arte Contemporánea) de Vigo vai acoller os vindeiros días unha actividade de espírito maker para argallar e fabricar tecnoloxías e trebellos até hai pouco tempo reservados aos procesos industriais xeralmente ligados ás grandes empresas. O Obradoiro de Fabricación Dixital celébrase os días 9 e 10 de xuño e vén da man colectivo Alg-a Lab, laboratorio de experimentación cultural posto en marcha en 2008 pola comunidade de artistas Alg-a (2003). Segundo avanzan, a fabricación dixital é unha revolución en si mesma, un xeito de democratizar ao máximo a construción de todo tipo de pezas e compoñentes.
Asemade, sinala Alg-a, “este ámbito de traballo brinda a oportunidade dun entorno aberto de prototipado, cuestiona a eficiencia e finalidade do que nos rodea, e, ademais, tende cara a unha implementación intelixente, unha implementación smart, dos obxectos na chamada Internet das Cousas”.
A actividade, achegada co cancelo #SalóndoMARCO, desenvolverase en dúas xeiras de traballo. Na primeira, a do venres 9 de xuño, o horario será de 19.00 a 21.00. Segundo explican os organizadores, habilitarase “un espazo práctico onde se amosarán máquinas e diferentes pezas e posibilidades de impresión, amais de facer fincapé na problemática da democratización das tecnoloxías de fabricación”.
O sábado 10 de xuño, en horario de 10.00 a 13.00, abordarase de que xeito a fabricación dixital e as novas tecnoloxías atinxen ao proceso e resultados creativos de artistas, deseñadores, arquitectos ou fotógrafos. Isto farase, segundo Alg-a, “dende a base da mistura de disciplinas creativas co fío condutor da tecnoloxía; dende a súa perspectiva persoal e profesional”. Ao mesmo tempo habilitarase unha oficina de asesoría para proxectos de impresión en 3D.
Os mediadores deste Obradoiro de Fabricación Dixital son: Marco Durán (emprendedor social, programador de software e membro da Makerversity Londres, amais de residente en Alg-a Lab e socio fundador da FabSpace Cooperativa) e Marta Verde (artista visual e programadora creativa afincada en Madrid, amais de licenciada en Belas Artes e especializada en Media Arts e Tecnoloxías Dixitais para a Escena).

PUBLICIDADE