Alibaba facturou 27.110 millóns de euros a pasada fin de semana

luns, 12 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A pasada fin de semana o comercio electrónico chinés e, especialmente o xigante Alibaba (coñecido especialmente no noso territorio a través de AliExpress) celebrou o 11.11 ou Día do Solteiro, cun grande éxito, xa que facturaron un total de 213.550.497.011 iuans (27.110 millóns de euros) o que supón un incremento do 27% fronte ao mesmo período do ano pasado, confirmando que estas campañas promocionais continúan a captar poderosamente a atención dos consumidores.
Durante o primeiro minuto e 25 segundos o sistema de pagamento Alipay xa rexistrara os seus primeiros 1.000 millóns de dólares en facturación; tendo que esperar unha hora e 48 segundos para superar a barreira dos 10.000 millóns de dólares.
Na xornada completa a Cainiao Network procesou máis de 1.000 millóns de pedidos, nos que participaron máis de 180.000 marcas e, aínda que China é o principal mercado consumidor no 11.11, reciben pedidos de 230 países, entre os que destacan en volume de facturación Xapón, EE.UU., Corea do Sur, Australia e Alemaña.

PUBLICIDADE