Alice Biometrics no palmarés dos Premios EmprendeXXI

venres, 26 de maio do 2023 S. P.

A startup galega Alice Biometrics, xunto coas novas firmas innovadoras Bemyvega, Lain Tech, Bread Free, Medical Plasmas e Hotelverse, impúxose finalmente na 16 edición dos Premios EmprendeXXI, impulsados por CaixaBank, a través de DayOne, e co-outorgados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través de ENISA.
O xurado, integrado por máis de trinta persoas que representan ás áreas do Grupo CaixaBank que impulsan estes galardóns, ENISA e colaboradores máis relevantes do ecosistema, destacou “o elevado nivel das empresas participantes e, especialmente, das gañadoras, que ofrecen as mellores solucións aos principais retos que afronta a sociedade na actualidade”.
Concretamente, os premios repártense en seis categorías:
• Alice Biometrics (Galicia) foi a startup gañadora do reto BancaXXI (transformación dixital do sector financeiro). Ofrece solucións automáticas de verificación de identidade, en remoto e con tecnoloxía antifraudes. Grazas ao uso da Intelixencia Artificial, a empresa garante que as persoas que realizan unha xestión alén da pantalla son quen di ser. Ademais, o proceso de identificación en liña permite o desenvolvemento de xestións dixitais rápidas, seguras e automatizadas.
• O premio na categoría CiudadXXI (novos modelos de cidades) foi para Bemyvega (Murcia), startup inclusiva que traballa con IA para a retransmisión de clases e reunións de forma online e accesíbel para todos. Grazas ao uso dun software, a firma permite emitir e transmitir clases en vivo con ferramentas inclusivas; axudan a crear e compartir as clases online en tempo real, e ofrecen unha experiencia formativa accesíbel.
• No reto PlanetaXXI (un planeta mellor para as novas xeracións) a vencedora foi Lain Tech (Comunidad de Madrid). Trátase dunha compañía adicada á investigación e desenvolvemento de novas tecnoloxías para a solución de retos industriais complexos nos sectores de materias primas e enerxías renovábeis. Son pioneiros en innovación verde e sustentábeis co medio ambiente.
• O premio SemillaXXI (transformación e innovación agroalimentaria) recaeu en Bread Free (Navarra), a primeira empresa que logrou fabricar fariña de trigo sen glute, combinando biotecnoloxía, Intelixencia Artificial e subproductos da industria agroalimentaria. A solución de Bread Free é clean label e a súa xeración non produce residuos. O produto final ten, ademais, maior nivel nutricional a un prezo máis económico para o consumidor.
• Medical Plasmas (Navarra) obtivo o galardón na categoría SilverXXI (envellecemento activo). Medical Plasmas é unha Iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica (IEBT) dedicada á investigación, desenvolvemento, produción e comercialización de equipamento médico baseado en tecnoloxía de plasma físico atmosférico frío. Este tipo de plasma ten propiedades antimicrobianas, rexenerativas e angioxénicas que aceleran a curación de úlceras.
• No reto ViveXXI (reactivación e dixitalización do sector turismo, restauración e lecer), o premio foi para Hotelverse (Baleares). Esta startup ofrece unha experiencia inmersiva que permite aos hóspedes explorar os hoteis, personalizar a súa estadía e seleccionar a habitación exacta que desexan, conforme unha selección por atributos. Grazas ao uso da tecnoloxía, os usuarios teñen “unha experiencia de compra única e personalizada”, e os hoteis melloran a conversión nos seus webs, así como potencian a reserva de habitacións superiores.
Pola súa banda, un xurado integrado por máis de 100 representantes dos principais fondos de venture capital, business angels, aceleradoras, corporacións e outros membros do ecosistema emprendedor como Adara, Kibo Ventures e Encomienda, entre outros, seleccionaron as empresas finalistas de cada reto, que foron: Deale (BancaXXI), Rever (CiudadXXI), Thermogreen (PlanetaXXI), Ai Labs Group - Legit.Health (SilverXXI), Deep Detection (SemillaXXI) e LUGGit (ViveXXI).
Os premios entregáronse en Madrid, nun acto que contou coa presenza de Jaume Masana, director de Negocio de CaixaBank; Jordi Nicolau, director de CaixaBank Payments.

PUBLICIDADE