Alicia Mascareñas analiza o poder real do voto desde a teoría de xogos nos almorzos TIC Talk (CITIC)

mércores, 28 de xaneiro do 2026 S. P.

O CITIC da UDC celebrou este martes 27 de xaneiro o primeiro almorzo do ano do ciclo TIC Talk, coa conferencia titulada É o noso sistema electoral inxusto? Unha ollada desde a teoría de xogos, impartida pola investigadora Alicia Mascareñas.
Durante a súa intervención, a investigadora da UDC abordou un dos aspectos clave dos procesos de toma de decisións colectivas: a diferenza entre o peso formal do voto e a influencia real que exerce cada participante.
A partir de ferramentas da teoría de xogos, explicou como os denominados índices de poder permiten medir de maneira máis rigorosa dita influencia, superando interpretacións simplistas baseadas unicamente no número de votos.
A relatora presentou un novo índice, denominado Índice de poder de Felsenthal con unións, que amplía o índice clásico introducido por Felsenthal ao incorporar as afinidades existentes entre os xogadores, xa sexan ideolóxicas, persoais ou estratéxicas. Este enfoque permite capturar de forma máis realista as dinámicas de poder que se xeran en contextos de decisión colectiva, sinalou.
Como aplicación práctica, Alicia Mascareñas mostrou o seu uso na análise da distribución de poder entre os países membros do Fondo Monetario Internacional, poñendo de relevo como as alianzas estratéxicas poden alterar de forma significativa o equilibrio de poder.