Allariz achéganos aos segredos da animación en 3D

luns, 18 de setembro do 2017 Redacción

O Concello de Allariz presentou hoxe un programa formativo que inclúe, entre outras cousas, un vieiro directo cara as novas tecnoloxías ao servizo do audiovisual, máis polo miúdo cara ao eido da animación en 3D. O Curso de introdución ao desenvolvemento de películas de debuxos animados vaise desenvolver dende outubro deste ano a xullo do ano vindeiro. As materias a impartir artéllanse en dous bloques, un de contidos prácticos (3D) e outro de teóricos. Celebrarase na Casa da Mocidade de Allariz.
O primeiro dos bloques abordará cuestións como a interface, o modelado (técnicas, mallas e curvas, modelado de textos), cámaras e iluminación, texturas e materiais, modelado de personaxes, animación (claves e liña de tempo, editores, animación de obxectos, de personaxes e de FX) e composición.
O bloque teórico introducirá aos participantes en procesos de produción, pre-produción (linguaxe cinematográfica, ideas para o guión, storyboard), creación de personaxes (anatomía, estereotipos, poses e siluetas, liñas de acción), teoría da animación (técnicas, os principios da animación, as leis físicas aplicadas, tempo e ritmo, animación facial, locomoción) e elaboración de proxectos de animación (mercados e festivas, axudas á produción).
As persoas que estean interesadas en asistir ao obradoiro deberán chamar ao 615 395 871 ou ben enviar un correo electrónico a animacion3d@allariz.com.

PUBLICIDADE