Allariz estrea canle de WhatsApp municipal para maior comunicación coa veciñanza

venres, 2 de maio do 2025 S. P.

O Concello de Allariz puxo en marcha unha nova canle de comunicación a través de WhatsApp, co obxectivo de “achegar información de interese xeral á veciñanza de maneira directa e inmediata”. A través desta canle difundiranse novas municipais, eventos culturais, avisos, alertas e outros contidos relevantes.
A alcaldesa Cristina Cid explicou que esta iniciativa “está pensada especialmente para aquelas persoas que non utilizan redes sociais e que demandaban un xeito máis directo de estar informadas”. A rexedora engadiu que “somos conscientes de que, hoxe en día, a comunicación dixital é fundamental e que as redes sociais son unha ferramenta moi útil para informar; porén, tamén sabemos que non toda a cidadanía as emprega, e hai veciñas e veciños que nos trasladan que, ás veces, non se decatan a tempo da información”. Por iso, sinalou, “decidimos poñer en marcha esta nova canle de WhatsApp, un sistema sinxelo e accesible que permite achegar as novidades directamente ao móbil, para que toda a veciñanza estea ao día do que acontece en Allariz”.
Un servizo para toda a veciñanza
A rexedora apuntou tamén que na actualidade, case todas as franxas de idade, desde a mocidade ata a xente maior, teñen un teléfono móbil e utilizan WhatsApp no seu día a día e, así, aproveitando esta realidade, o Concello decidiu habilitar esta nova canle para que a información municipal chegue directamente ao móbil das persoas interesadas, sen depender doutras plataformas.
Características da canle
-Trátase dunha canle unidireccional: non está pensada para conversar nin para facer consultas ao Concello.
-Os datos das persoas seguidoras están protexidos, e non se comparten cos demais usuarios.
-As vías habituais para comunicarse co Concello seguen activas: rexistro presencial, sede electrónica, teléfono e correo electrónico municipal.
Como unirse á canle de WhatsApp de Allariz
Para seguir a canle, só hai que premer na ligazón habilitada polo Concello ou escanear o código QR que estará nos carteis informativos repartidos nos edificios municipais. Unha vez aberta a canle en WhatsApp, cómpre premer en Seguir e activar as notificacións premendo na campaíña, para recibir todas as actualizacións.