Alone In The Dark estrea versión para iOS

martes, 20 de maio do 2014 Marcus Fernández

Atari (marca pola que responde agora Infogrames) estreou hoxe na App Store un xogo que pillará a moitos por sorpresa, á vez que espertará a súa vea nostálxica, xa que recuperou para iPhone e iPad o clásico para PC de 1992 Alone In The Dark, que sería o pioneiro do xénero dos survival horror en tres dimensións que tanto éxito terían en anos sucesivos.
A conversión deste xogo está á venda por 0,89 euros e adaptou o seu control para que sexa posible manexar ao detective Edward Cornby ou a Emily Hartwood, sobriña de Jeremy Hartwood, personaxe cuxa morte é a que levou aos protagonistas a investigar a súa mansión, atopando numerosas criaturas místicas saídas da imaxinación de H.P. Lovecraft.
Este xogo está considerado como todo un clásico, non só por ser quen de amosar gráficos tridimensionais en ordenadores bastante modestos, senón tamén por ser capaz de transmitir con bastante acerto o terror, dando lugar a toda unha franquía de xogos que sentaría as bases para títulos como Resident Evil e Silent Hill e, ao igual que estas franquías, Alone In The Dark tamén contaría coa súa propia adaptación cinematográfica (de pouco éxito).

Podemos xogar a Alone In The Dark encarnando a Edward Cornby ou a Emily Hartwood

PUBLICIDADE