Aloumiños ofrece dende Carballo un curso online de comunicación aumentativa

venres, 8 de xaneiro do 2021 Sonia Pena

A Asociación Aloumiños, con sede en Carballo, vai comezar este 2021 cunha acción formativa que pon de manifesto a importancia crecente das novas ferramentas para fomentar a inclusión. Trátase do curso Comunicación aumentativa e alternativa con alta tecnoloxía, impartido pola logopeda Tatiana Suárez, especialista en tecnoloxías aumentativas e alternativas da comunicación (comunicadores portátiles, programas informáticos, premedores, teclados virtuais, etc).
A actividade, prevista para o 6 de febreiro en modalidade online (a través de Zoom e en horario de mañá e de tarde), está concibida especialmente para profesionais da docencia, terapeutas e estudantes. O curso conta coa colaboración do Concello de Carballo.
Segundo apuntan dende a organización, a orixe deste curso está nunha das das grandes conclusións que podemos extraer da pandemia e das súas consecuencias: a importancia crecente dos sistemas e das ferramentas que botan abaixo o noso xeito de comunicarnos e de estar no mundo. “Para que as actividades diarias non se vexan afectadas, tanto nos adultos como no caso dos máis pequenos, existen múltiples opcións para comunicarse, todas correctas e marabillosas”, explican dende a dita asociación, engadindo que a tecnoloxía ofrece un mundo de “coñecementos e ferramentas de gran utilidade, tamén, para as nenas e nenos con problemas de comunicación”.

PUBLICIDADE