Alta participación nas máis de 40 actividades celebradas na 21 edición da XGN R Encounter

mércores, 13 de outubro do 2021 S. P.

A 21 edición da party informática XGN R Encounter rematou este luns 11 de outubro cun notábel éxito de seguimento, participación e repercusión, logo de tres xornadas ateigadas de accións formativas e lúdicas. A lanparty, que recuperou o formato presencial este ano (aínda que distanciado e con menos prazas que outros anos), celebrouse durante tres días na Feira Internacional de Galicia Abanca, e nunha primeira valoración, os organizadores celebran que esta edición fose “todo un éxito” tras lograr conxugar o protocolo de prevención fronte á COVID-19 co normal desenvolvemento do encontro TIC para a mocidade. Amais, destacouse “a alta participación” nas máis de 40 actividades organizadas.
Desde o sábado 9 de outubro ata hoxe, os 425 participantes puideron gozar dunha velocidade de 20 Gbps de conexión a Internet grazas a R, que permitiron “unha gran experiencia de usuario e facilitaron as distintas actividades que desenvolveron os participantes durante o evento”. Tamén tivo “unha gran acollida” o maratoniano programa Encounter TV emitido por streaming desde o recinto, que permitiu acceder de forma aberta e gratuíta ao contido da XGN R Encounter a calquera persoa interesada en seguir a actualidade desta cita.
Amais, ao organización valorou moi positivamente o resultado da súa aposta pola seguridade, que veu “cun completo protocolo de prevención fronte á COVID-19”, favorecido polas grandes dimensións dos pavillóns do recinto, a súa ventilación e a redución do aforo, menor do habitual nos últimos anos, “o que permitiu en todo momento unha ampla separación persoal entre participantes”. Desta forma, a XGN R Encounter foi a segunda gran lanparty, tras a Euskal Encounter desenvolta en xullo no BEC de Barakaldo (Bizkaia) que recuperou a presencialidade dos participantes. Esta cita foi a quinta con R como colaboradora e patrocinadora oficial, que proporcionou os 20 Gbps de velocidade de conexión ao evento, e de novo contou co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora do evento.
Datos de participantes
Os datos recolleitos dos participantes permitiron comprobar que a idade media foi de 29 anos, mentres que o rexistrado máis novo ten 10 anos e o máis veterano, 52. De igual forma, a súa procedencia revela que acudiron desde 16 provincias diferentes, na súa maioría de Galicia (90%), mentres que o 10% restante trasladouse desde lugares como Bizkaia, Madrid, Asturias ou Barcelona.
En canto aos seus principais intereses, os rexistrados apuntan que o que máis lles gusta son os videoxogos, as actividades de lecer, o hardware (impresoras 3D, modificación de computadores, drons...), as conferencias e os obradoiros, a arte dixital e o software libre, por esta orde.

PUBLICIDADE