Altia acada o posto 44 da Clasificación Líderes Computing 2025
xoves, 10 de abril do 2025
A empresa tecnolóxica galega Altia, con sede en Oleiros, vén de comunicar un novo recoñecemento ao seu labor. Trátase da inclusión, un ano máis, da empresa galega na Clasificación Líderes Computing, edición 2025, que inclúe as 150 firmas líderes do sector TIC en España, posicionándose Altia no posto 44 da listaxe, o que, en palabras da compañía “representa un logro que destaca a nosa presenza sólida no mercado”. Este ranking ofrece unha visión do tecido tecnolóxico-empresarial en España e as súas principais empresas.
A firma galega salienta que “este estudo exhaustivo non só analiza o rendemento das grandes empresas do sector, senón que tamén proporciona unha avaliación detallada da evolución estratéxica das 30 compañías líderes a nivel nacional, así como datos crave de facturación”.
E engade: “Repetir nesta clasificación, subindo do posto 48 ao 44, é unha mostra máis do noso crecemento sustentábel, compromiso cos clientes e expansión internacional; que seguimos reforzando tras máis de 30 anos de percorrido”.
O informe revela que o sector TIC experimentou un crecemento de facturación do 5% durante o 2024, o que supón un leve crecemento respecto ao ano anterior. Ademais, destaca como as organizacións integraron dentro das súas estratexias tecnoloxías como os servizos na nube, a análise de datos ou a irrupción da IA xenerativa, sendo consideradas unha panca para a innovación.