Altia centraliza a xestión da loxística de Incarlopsa nunha única plataforma dixital

martes, 24 de marzo do 2026 S. P.

Incarlopsa, compañía española especializada en produtos cárnicos porcinos, implantou unha solución tecnolóxica avanzada que permite centralizar toda a xestión do seu transporte nunha única plataforma dixital. Grazas a esta integración, realizada pola firma Altia, con sede en Oleiros, Incarlopsa pode visualizar en tempo real o estado da súa frota propia e de terceiros, optimizando así os procesos loxísticos, reducindo a carga administrativa e mellorando a capacidade de reacción ante incidencias.
O proxecto púxose en marcha en outubro de 2024 e logrou xa unha cobertura completa.
Incarlopsa é unha empresa cunha estrutura que integra toda a cadea de valor, desde a produción gandeira ata a distribución final, conta con 12 plantas industriais repartidas en Castela-A Mancha, Castela León e Andalucía e unha forte aposta pola innovación, a calidade e a sustentabilidade. O seu crecemento e diversificación incrementaron a complexidade das operacións loxísticas que desenvolve, que implican tanto á súa propia frota como a operadores externos. Segundo explican dende Altia, “esta dispersión xeraba dificultades para o control en tempo real do transporte, a coordinación de cargas e descargas e a prevención de incidencias, o que motivou a procura dunha solución tecnolóxica integral que garantise visibilidade, rastrexabilidade e eficiencia en todo o proceso”.
O sistema implantado baséase na nosa solución Control Tower, ferramenta que centraliza baixo unha única contorna dixital a visibilidade de todos os procesos loxísticos asociados á actividade de Incarlopsa. A compañía, que opera tanto con transporte propio como con ao redor de 15 operadores loxísticos externos, requiría unha solución capaz de consolidar toda esa información dispersa nunha soa fonte de confianza e accesible.
Esta complexidade abordouse mediante unha integración técnica cos sistemas TMS (Transportation Management System) e os dispositivos GPS embarcados nos camións dos distintos operadores. Ademais, Altia despregou unha aplicación móbil que permite aos condutores introducir información crave sobre as operacións: hora de carga, descarga, incidencias ou paradas imprevistas.
Toda esta información sincronízase cos sistemas ERP de Incarlopsa, proporcionando aos seus coordinadores loxísticos “unha visión completa e en tempo real de cada roteiro”, salientou Altia, destacando tamén que “a ferramenta tamén permite medir variables críticas como a temperatura nos camións refrixerados, grazas á integración cos sensores de frío, e emitir alertas automáticas ante calquera desviación”.
Altia engade que o resultado é “unha operativa máis áxil, con redución de chamadas, eliminación de correos redundantes, maior rastrexabilidade e capacidade para detectar colos de botella e avaliar o desempeño de cada provedor mediante indicadores (KPIs) precisos”. Ademais, a integración facilita o traballo nos almacéns de destino, xa que os operarios coñecen con antelación a hora estimada de chegada dos camións, mellorando a asignación de recursos e reducindo tempos de espera.
A posta en marcha do sistema implicou, ademais do desenvolvemento técnico, un traballo continuado de acompañamento e formación cos equipos e operadores loxísticos.