Altia fai un balance moi positivo dos seus 25 anos de andaina TIC

mércores, 6 de febreiro do 2019 Redacción

Manuel Saz, director asociado de Altia

Fundada en 1994, Altia naceu para ofrecer servizos de consultoría e prestación de servizos TIC. Hoxe en día, conta con máis de 1.000 profesionais con Tino Fernández á cabeza, un dos seus fundadores. Manuel Saz, director asociado de Altia, fai un repaso destes 25 anos de traxectoria e amosa ante a nosa comunidade de lectoras e lectores os proxectos máis ambiciosos desta empresa tecnolóxica.
-Están a celebrar os 25 anos ao carón da transformación dixital de Galicia e apostando polas novas tecnoloxías. Que balance fan de todos estes anos?
-O balance é moi positivo. A empresa xurdiu da nada, dun grupo reducido de persoas que coñecían ben o sector e ese foi o xene que orixinou o que a día de hoxe é Altia. Houbo puntos destacables durante todos estes anos, dende proxectos para a Xunta de Galicia, pasando por unha expansión primeiro nacional e posteriormente máis internacional. Pero sen dúbida a compra do datacenter é un dos feitos salientables na nosa historia, que nos permitiu dar unha solución completa aos servizos tecnolóxicos. Ademais, tamén hai que poñer o foco nas persoas. O nivel de profesionalidade e implicación coa compañía que teñen os nosos traballadores non o ves noutro lado e iso percíbeo o cliente, polo que te valoran e te escollen. As persoas teñen un peso moi importante na compañía xa que o que proporcionamos son servizos.
-Cales serían os feitos máis destacados destes 25 anos?
-Temos varios proxectos de Smart City, por exemplo Smart Coruña ou Smart Lugo. Nestas iniciativas o que se busca é unha mellora na xestión das cidades, no senso da mobilidade principalmente, na procura dun tráfico máis eficiente e de menos contaminación, ou na busca da eficiencia enerxética. Preocúpanos aportar cousas de valor aos cidadáns, beneficios concretos, e para iso levamos a cabo un importante labor de análise previa de datos, modificando servizos para non poñer en marcha algo que non teña repercusión. Dentro da vertente de cidades intelixentes tamén hai xa unha variante adicada aos portos, como Smart Port Coruña ou proxectos iniciais en Melilla ou en Bilbao, para mellorar a xestión interna dos portos. Ata o de agora os proxectos de urbes intelixentes estaban enfocados máis cara a xestión das cidades, pero os vindeiros virán máis centrados no turismo, en como poñerlle as cousas doadas ao turista que recala nas nosas cidades e intentar xestionar os nosos servizos e patrimonio da maneira máis eficiente, ofrecéndolle plans de visita elaborados con algoritmos, e tamén aplicar as novas tecnoloxías ao tecido industrial. Por exemplo, o concepto de Smart Hotel, unha revolución dos servizos dos clientes e da xestión interna: pulseiras intelixentes, check-in dixital, etc. Deste xeito, o viaxeiro que vén por un día pode que permaneza tres, e así hai beneficio para as cidades.
Estamos mergullados tamén en proxectos de Industria 4.0, cremos que este ámbito ten moito futuro. Unha das colaboracións máis importantes é con Navantia, axudándolle na parte de mellora de procesos e de loxística. Tamén estamos a colaborar con Norlean poñendo en marcha unha ferramenta de simulación que tenta levarnos virtualmente a aspectos da vida real, por exemplo simulacións de investimentos empresariais, facendo proxeccións a futuro. Este concepto xa hai anos que foi lanzado pola NASA, o chamado xemelgo dixital.
Non podemos esquecer os proxectos que temos no sector sanitario, asociados a innovación e a detección temperá de doenzas a través do tratamento masivo de información e en colaboración con especialistas médicos. Tampouco os do sector educativo, as aulas virtuais, para achegar a tecnoloxía aos nenos, con material didáctico, tabletas e contido dixital.
-Supoñemos que o papel da Administración Pública tamén foi fundamental…
-Si, a orixe de Altia parte de aí. Consellería de Traballo, SERGAS, IGAPE… foron os comezos desta empresa e son contas que hoxe en día mantéñense, proba de que as cousas, aínda que non sempre saian, estanse a facer ben.
-Dende o seu punto de vista, como cre que se atopa o sector na nosa Comunidade?
-Coido que está por diante de outras Comunidades. Cousas que se están facendo aquí en Galicia estanse levando a outros lugares. Fóra ven con bos ollos o que estamos a facer en Galicia, malia que iso xere un problema de recursos.
-Fan falta máis profesionais? E no caso das mulleres, hai que fomentar máis o emprego feminino neste sector?
-É certo que hai un problema a nivel nacional en canto a profesionais. As facultades e as formacións profesionais non chegan a cubrir as necesidades que temos no sector. En canto ao emprego feminino, non logro a entender que é o que acontece, estatisticamente a proporción de mulleres neste sector é menor que o de homes. As empresas do sector debemos ser conscientes de que temos moito traballo por diante e que debemos ser impulsores do mesmo. Altia lanzou varias iniciativas, unha delas o #AltiaDigitalHub, programa para a incorporación de talento dixital junior que busca potenciar o coñecemento das persoas que acaban de saír da universidade. Dende o primeiro día incorpóranse a un grupo de traballo que elas elixiron. Tamén temos o GenTech, un ciclo de actividades de Altia para potenciar o xene tecnolóxico da xuventude a través de sesións impartidas en centros de formación. E por último, temos o AltiaTechDay, programa para a formación do talento nas tecnoloxías avanzadas máis innovadoras. Son sesións de dúas horas sobre un tema tecnolóxico punteiro con prácticas dirixidas a estudantes de universidades e FP tecnolóxicas.
-Altia axuda a nosa Comunidade a ser un referente no mundo tecnolóxico. Senten esa responsabilidade cada vez que emerxe un proxecto?
-Levamos o xene galego de base e iso xa é algo incrible. Se a iso lle sumamos levar máis alá de Galicia proxectos que son recoñecidos a nivel nacional ou internacional e con clientes de moito peso, é realmente un verdadeiro orgullo.
-Cales son os obxectivos de Altia nos vindeiros anos?
-O que nos diferencia é manter un crecemento sostible como o de ata agora, exponencial e sen volvernos tolos, e apoiar distintos factores, como por exemplo o proceso de medre a nivel europeo. Para iso iremos da man de colaboracións con terceiros e distintas alianzas. Outro apartado importante é o de apoiar ás persoas que son a clave de éxito de Altia. E por último detectar os puntos de innovación nos que cómpre estar e chegar os primeiros para continuar sendo a empresa que somos.