Altia galardoa un proxecto que impulsa a innovación educativa: Mis Pictocuentos

venres, 28 de febreiro do 2025 S. P.

Chegou a súa remate a VI edición de Altia Premia, unha iniciativa da empresta tecnolóxica galega que recoñece a excelencia en proxectos universitarios con aplicación no ámbito tecnolóxico. Este ano, o galardón foi concedido a Mis Pictocuentos: cuentos animados e interactivos para todo el mundo, un proxecto desenvolvido por Martín Omil Nogales que fomenta a innovación en educación e destaca, en palabras da empresa TIC, “polo seu enfoque na accesibilidade e a inclusión dixital”.
O certame, organizado en colaboración coa Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), forma parte dun dos obxectivos clave de Altia, que é “fortalecer a conexión entre a universidade e a empresa, apostando polo desenvolvemento de capacidades dixitais e a formación dos futuros profesionais do sector”.
Desde a súa creación, Altia Premia impulsou e recoñeceu iniciativas en áreas como a Intelixencia Artificial, a saúde dixital e o Internet das Cousas.
O proxecto premiado na sexta edición é unha aplicación web deseñada para facilitar a comprensión e o desenvolvemento cognitivo de nenos con dificultades na comunicación oral, como aqueles con Trastorno do Espectro Autista (TEA). A plataforma permite aos usuarios crear escenas con personaxes e fondos, engadir diálogos traducidos automaticamente a pictogramas e incluír música ou narración en voz, “proporcionando unha experiencia inmersiva e adaptada ás súas necesidades”.
Fontes de Altia lembran que a aplicación foi testeada con profesionais de Logopedia da Universidade da Coruña e de Educación Primaria e Infantil da Universidade de Santiago de Compostela, que verificaron a súa utilidade para ensinar vocabulario e conceptos de forma lúdica, estimular a creatividade e mellorar as competencias comunicativas dos nenos.
“Presenteime a Altia Premia porque estaba moi orgulloso do meu Traballo de Fin de Grao”, afirmou Martín Omil Nogales, engadindo que “durante o último curso, investín moitas horas de esforzo para lograr un resultado co que me sentía completamente satisfeito. Gañar este premio é unha validación do traballo realizado no TFG e, tamén, nos catro anos de carreira. Ademais, supón para min unha maneira de pechar esta etapa de forma moi especial, xa que non puiden celebrar a miña gradación de Bacharelato debido á pandemia”.
Altia Premia salienta tamén por ofrecer unha plataforma para que a mocidade universitar poida desenvolver proxectos innovadores con aplicación práctica. A través desta iniciativa, “reforzamos a nosa aposta pola formación e o talento dixital, facilitando a conexión entre a universidade e o mundo empresarial”, sinala Josefina Fernández, directora de Sustentabilidade da firma coruñesa, engadindo que “Altia Premia é un reflexo do compromiso de Altia coa innovación e o desenvolvemento do talento”.