Altia impulsa a modernización da infraestrutura dixital do Concello da Coruña
xoves, 23 de abril do 2026
A tecnolóxica galega Altia, con sede en Oleiros, materializou esta tempada o proxecto de renovación da infraestrutura dixital do Concello da Coruña. O proxecto, baseado en tecnoloxía Oracle, garante servizos dixitais máis seguros, eficientes e con ampla marxe de adaptación e evolución (escalabilidade). Diríxese polo tanto a permitir a xestión integral da infraestrutura dixital do Concello. Trátase dunha iniciativa estratéxica aliñada coas directrices do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
O obxectivo concreto é “garantir a evolución e optimización da infraestrutura tecnolóxica base municipal, sobre a que se sustentan os servizos dixitais ofrecidos á cidadanía”, informou Altia, engadindo que “nun contexto marcado por crecentes esixencias en materia de seguridade da información e eficiencia operativa, o proxecto busca avanzar cara a un modelo máis moderno, seguro e flexible”.
A iniciativa contempla un modelo de xestión integrador que asegura a continuidade das prestacións actuais e que permite abordar a súa evolución tecnolóxica. Entre os principais obxectivos atópase a adaptación progresiva cara a contornas de computación na nube, facilitando unha transición ordenada desde infraestruturas tradicionais (on-premise) a solucións máis avanzadas.
“Este enfoque”, informou Altia, “permitirá ao Concello mellorar a escalabilidade, dispoñibilidade e resiliencia dos seus sistemas, ao mesmo tempo que optimiza os custos e simplifica a xestión operativa”.
Dentro desta estratexia, destaca a evolución do servizo de bases de datos baseado en tecnoloxía de Oracle, que se está adaptando cara a un modelo cloud sobre infraestrutura OCI (Oracle Cloud Infrastructure). Esta transición ofrece importantes vantaxes, como maior flexibilidade na xestión de recursos, automatización avanzada de procesos, seguridade integrada e cumprimento normativo, migración fluída desde contornas tradicionais e maior compromiso coa transformación dixital.
