Altia iniciou a actividade do Club Cámara Noroeste

luns, 3 de febreiro do 2025 S. P.

O Club Cámara Noroeste está operativo dende este mes de febreiro, trala inauguración que tivo lugar nas novas dependencias a semana pasada e o primeiro evento empresarial que acubillou o club: un acto interno da empresa tecnolóxica Altia, con sede en Oleiros. Desta forma, o Club iniciou a súa andaina corporativa que conta xa cunha programación de diversas actividades de diferentes empresas, incluído un demo day de novas firmas innovadoras (startups) que se desenvolverá a mediados desta semana.
O Club Cámara Noroeste, un proxecto recolleito no Plan Estratéxico da Cámara da Coruña, nace con vocación de facer cidade. O espazo conta con 1500 m2 de instalacións, o 50% das cales estarán abertas ao público xeneral, que poderá gozar dun servizo de restauración na cafetería e nas terrazas laterais e superior.
A parte privada para socios conta con salas de reunións, auditorio para eventos e conferencias, así como servizos de lecer e restauración co obxectivo de que permita tanto os encontros privados como os intercambios de ideas entre empresarios, executivos e profesionais de diversos sectores.
Financiado ao 100% con fondos propios, impulsará o contacto e colaboración con outras entidades públicas e privadas, ademais de integrarse na rede estatal de clubs camerais, o “que permitirá aos seus membros acceder aos servizos destes cando se despracen a outras zonas do territorio español”, informou a entidade cameral coruñesa.