Altia ofrece á mocidade cursos sobre tecnoloxía avanzada

venres, 11 de xaneiro do 2019 Redacción

A xente máis nova ten unha oportunidade para achegarse ás tecnoloxías máis avanzadas da man da compañía galega Altia mediante un programa de cursos formativos ofertado pola propia compañía de novas tecnoloxías. O dito programa consiste nunha serie de actividades de adestramento impartidas por profesionais de Altia sobre tecnoloxías avanzadas aplicadas en proxectos reais da propia empresa con sede na Coruña.
A proposta de Altia chega baixo o nome de #AltiaTechDay, un conxunto de workshops para dar a coñecer os seus coñecementos máis punteiros en tecnoloxía aos futuros profesionais do sector, coa finalidade de potenciar o talento e formar a estudantes en tecnoloxías novas coas que a compañía traballa en proxectos reais.
Deste xeito Altia segue adiante co seu compromiso en canto a formación dixital e o desenvolvemento profesional impartindo varios obradoiros centrados en tecnoloxías innovadoras de uso en proxectos reais como React. Js, Drupal, Docker, Joomla ou Design Thinking. Segundo informa a empresa galega, estas actividades de capacitación dan resposta ás necesidades do mercado á hora de enfrontarse aos novos retos empresariais. “Apostamos pola innovación e a investigación, e estamos á vangarda da atracción do talento para colaborar en proxectos dixitais como é o caso de Smart City Lugo que impulsan a transformación das cidades”, destaca Tino Fernández, presidente de Altia.
Máis polo miúdo, estes workshops de Altia levaranse a cabo coa colaboración de diferentes organismos e institucións educativas entre as que se atopan: a Facultade de Informática da UDC, as Escolas Técnicas das Universidades de Valladolid, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Alacante, o IES Teis (Vigo), o IES Cebem (Vigo), o IES Julián Marías (Valladolid), o EGIBIDE (Vitoria-Gasteiz) o IES Nuestra Señora do Pilar (Madrid), o IES Clara del Rey (Madrid) e o IES Virgen de la Paloma (Madrid).
Engadir que as formacións botaron a andar en decembro e prolongaranse polo menos durante o 2019.

PUBLICIDADE