Altofalantes xiratorios para o iPod Touch

luns, 11 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Para os reprodutores multimedia de Apple hai multitude de bases dock que incorporan funcións como a radio ou o espertador, pero o iHome iH41 destaca por aproveitar que o iPod Touch rota a imaxe da súa pantalla segundo o coloquemos en vertical ou en horizontal, de xeito que tamén fai o propio, e permite colocar o iPod en calquera das dúas posicións (xirando tamén a pantalla do reloxo integrado no dispositivo).
O iH41 serve para cargar a batería do iPod, permite empregar o reprodutor para funcións de espertador (así como se pode apagar nun número de minutos determinado), utiliza tecnoloxía EXB Expanded Bass and Reson8 para un gran son, ten unha pila de reserva para evitar perder a hora e a alarma ante posibles cortes do subministro eléctrico, conta cunha entrada de liña para o seu uso con reprodutores distintos aos iPod e tamén inclúe un mando a distancia.
O prezo de venda destes curiosos altofalantes/espertador é de 80 dólares, aínda que cómpre destacar que relación de dispositivos compatibles non está o iPhone nin o iPhone 3G, pese a ser trebellos moi semellantes ao iPod Touch.

PUBLICIDADE