Alumnado da UVigo combaterá con vídeos divulgativos as informacións falsas na Rede

luns, 6 de abril do 2020 S. P.

O profesor Alberto Dafonte está á fronte do proxecto

As informacións falsas en Internet son case tan negativas e prexudiciais para a loita contra o COVID-19 coma a existencia do propio coronavirus. Partindo desta premisa e asumindo un horizonte temático máis xenérico có da crise sanitaria que estamos a vivir, aínda que esta actúe de marco temático actual, alumnas e alumnos de Publicidade e Relacións Públicas do Campus de Pontevedra (Universidade de Vigo), en colaboración con A Redeira, puxeron en marcha unha iniciativa para combater con vídeos divulgativos as informacións falsas que proliferan polas redes. O que de xeito común se coñecen como fake news.
O obxectivo da proposta vai alén de mitigar os efectos desta información en negativo: o que se busca, tamén, é mellorar a competencia mediática da cidadanía, adestrando a poboación para saber, coloquialmente falando, diferenciar o gran da palla.
Esta é a base do proxecto que, ao longo deste cuadrimestre, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte desenvolve virtualmente con máis de 60 alumnos e alumnas do grao en Publicidade e Relacións Públicas, e que inclúe unha serie de pezas audiovisuais nas que acheguen recomendacións e ferramentas “de identificación e defensa ante as novas falsas”.
Seleccionada na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo impulsada pola Área de Formación e Innovación Educativa da Universidade, participan nesta iniciativa, divididos en once grupos de traballo, 63 alumnos e alumnas da materia Teoría e práctica da comunicación televisiva.
Respecto da participación do banco de tempo A Redeira, actuará como “intermediario” entre o alumnado e diferentes persoas e colectivos.
Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática é o título dun proxecto que, tras unha introdución ao “problema da desinformación na contorna dixital e os seus efectos sobre distintos colectivos”, arrincou en febreiro cun seminario impartido por catro integrantes de A Redeira: Mariem Filgueira, Cristina Fariñas, Pablo Larrubia e Sara Martínez. A elaboración das pílulas audiovisuais informativas e divulgativas é un dos piares do proxecto. Serán, segundo conta Dafonte, “pezas simples e breves, stories, pensadas para WhatsApp ou TikTok”, completándoas con vídeos de meirande extensión, ideados para outra serie de plataformas como YouTube.
O obxectivo do proxecto, sinala Dafonte, é que as e os estudantes “pensen tanto no que van dicir como en que van facer para dirixirse a un público concreto”, tendo en conta factores como o formato, a plataforma idónea para distribuílo ou os “requisitos estéticos e tendencias” das diferentes redes sociais.
A colaboración da Redeira permitirá que os vídeos poidan orientarse a “públicos dispares”, desde adolescentes á terceira idade, ou reflexionar sobre a existencia na Rede “de mancheas de contidos falsos orientados á criminalización dos inmigrantes, do colectivo LGTBI ou o movemento feminista”.

PUBLICIDADE