Alumnado de 10 a 18 anos de toda Galicia pode participar no desafío Atrévete coa mente de Galiciencia

luns, 3 de febreiro do 2025 S. P.

A feira científica para a mocidade Galiciencia, impulsada polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, celebra este ano o seu 20 aniversario co lema Neurociencia e saúde mental, dirixido ao alumnado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato e co fin de favorecer o seu talento innovador e emprendedor. Ademais do concurso de proxectos, convócase o desafío científico Atrévete coa mente!, dirixido a estudantes de 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia. Poderán participar pequenos grupos de dous ou tres integrantes, a ser posible mixtos, de entre 10 e 18 anos.
O desafío consta de dúas fases, unha online e outra presencial. Para poder superar a primeira fase en liña cómpre participar nos tres retos que se irán propoñendo ao longo dos vindeiros meses, todos eles vencellados coa neurociencia e a saúde mental. O prazo de inscrición no primeiro reto, que deberá efectuarse a través da web do desafío, remata o 20 de febreiro.
Para chegar á fase final, que terá lugar de xeito presencial durante a celebración de Galiciencia no mes de maio, será “imprescindíbel” ter participado nos tres retos en liña. No derradeiro desafío competirán os tres grupos mellor valorados de cada categoría: Primaria, Secundaria e 4º da ESO e Bacharelato.
A Tecnópole explicou que “ao longo destes retos proporáselle aos equipos participantes explorar a mente humana, toda unha aventura na que a rapazada terá a oportunidade de descubrir que ocorre no noso corpo cando, por exemplo, tocamos un obxecto moi quente, ou por que nos sentimos tan ben despois de facer deporte… E coñecerán a importancia da neurociencia para poder entender e mellorar a nosa saúde mental”.
Este ano Tecnópole achegará unha axuda de 100 euros para gastos de transporte aos equipos que se clasifiquen para a fase final do desafío. Poderán beneficiarse desta axuda os centros educativos que non sexan de Ourense capital nin dos concellos limítrofes.