Alumnado de Baiona recibe este venres unha charla sobre piratas informáticos éticos

xoves, 24 de novembro do 2022 S. P.

Manuel Caeiro Rodríguez, doutor en Enxeñaría Telemática e profesor de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra teñen en marcha o segundo bloque do III Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato coa finalidade de “achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova”. Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo. Mañá venres, 25 de novembro, celebrarase unha nova charla, no IES Primeiro de Marzo de Baiona.
Alumnado de 4º da ESO e Bacharelato do centro asistirá á charla Ciberseguridade: que son os piratas informáticos e porque precisamos deles. Impartiraa Manuel Caeiro Rodríguez, doutor en Enxeñaría Telemática e profesor de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
Segundo avanza o relator, a ciberseguridade é un tema que invade as nosas vidas diarias, “xa sexa polos ataques de malware ou por programas maliciosos ou polas noticias que nos chegan das peripecias dos hackers ou piratas informáticos. Estes personaxes teñen un papel moi destacado no mundo da ciberseguridade e non só para mal, senón tamén para ben”. Tal como indica Caeiro, “cada vez hai máis hackers denominados éticos que traballan para empresas atacando os seus propios sistemas informáticos co obxectivo de determinar cales son os seus puntos vulnerábeis, de xeito que poidan fortalecerse e evitar ataques realmente maliciosos. Os posíbeis puntos de ataque inclúen aos sistemas informáticos, os dispositivos e redes de comunicacións, pero tamén aos usuarios e aos traballadores das propias empresas, pois a través de técnicas de enxeñaría social poden ser vítimas de enganos como a suplantación de identidade ou a recepción de mensaxes fraudulentas”. Nesta liña, o relator manifesta que “a ciberseguridade precisa de bos hackers que saiban escudriñar nas tecnoloxías e no uso que as persoas facemos delas, para así ir sempre un paso por diante dos que nos queren facer mal”.
E conclúe: “Se non houbera cousas que nos fan mal, non teriamos porque protexernos, co cal, ante a eventualidade de que se producise algo maligno, non teriamos protección ningunha. Dalgún xeito os hackers son o sistema inmunolóxico da era da información e é importante que poidamos contar con bos piratas informáticos que nos axuden a protexernos. Para iso non deben ser só bos tecnicamente, senón tamén bos en canto aos seus principios e á forma de actuar”.

PUBLICIDADE