Alumnado do Campus de Ferrol amosou os seus proxectos no salón Píxel á Feira

luns, 10 de novembro do 2025 S. P.

O alumnado do segundo curso do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), presentou esta fin de semana no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, os títulos Neboa´s Hut, Splash on Contact e Purgatory Hoops. Fixérono no marco do Píxel á Feira, o primeiro Salón de Videoxogos de Galicia, impulsado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago.
Neboa´s Hut está protagonizado por unha meiga que se dedica a vender os seus bebedizos nunha aldea medieval mentres evita que a inquisición a descubra e consegue o diñeiro suficiente para poderlle pagar ao recadador de impostos. Detrás deste proxecto están o estudantes Diego Cordero Contreras, Iago Fernández Garrido, Iván Ernesto Iglesias Pena, Marcos Filgueiras Baamonde e María Victoria Moreno González quen integran Conxuro Studios.
Pola súa banda, Splach on Contact é un xogo baseado na velocidade onde o xogador ou xogadora terá que protexer a un compañeiro planta de hordas de inimigos lume e levalo ata un lugar seguro. O estudio True Encore está conformado polo alumnado Sara Buedo Fernández, Álvaro García Peña, Liany Mederos Pérez, Ángel Quintero Montes e Diego Tabas Costa.
A maiores, Purgatory Hoops é un shooter en primeira persoa no que o xogador ou xogadora bota man dun balón de baloncesto para eliminar hordas de seres demoníacos e poder así escapar do inferno. Detrás deste título están os estudantes Jean Luis Manay Gutiérrez, Aarón Mera González, Brais Morgade Valcárcel, Jacobo Lata Espiñeira, Hugo López Rodríguez e Irene Lorenzo Rodríguez quen integran o estudo Ecliptika Collective.
Os dous primeiros títulos dispuxeron dun espazo de seu no evento. O terceiro deles estivo accesible no stand da UDC, un espazo no que o público asistente ao evento puido obter información sobre o Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, titulación que se imparte no Campus Industrial de Ferrol, e máis sobre o grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos da Facultade de Ciencias da Comunicación, situada no Campus da Coruña.
A maiores, neste stand institucional tamén estivo dispoñible o título Renegade Jammer que vén de gañar, nos últimos meses, o Premio ao Mellor Xogo Académico na oitava edición do BCN Game Fest by IndieDevDay e o Primeiro Premio ao Mellor Xogo Indie no Lérez Up de Pontevedra. Detrás deste título, nado como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, están os antigos alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) Andrea Victoria Alonso Montes, Álvaro Ezquiel Martos Suero, David Muradás Gallardo, Gael Alberto Quintela, Andrea Salgado Errada e Manuel Sanjurjo Penas quen conforman o estudo Team Kaulu.
O maior escaparate do videoxogo galego e da cultura dixital
A programación do Píxel á Feira, o primeiro Salón de Videoxogos de Galicia, incluíu máis de 50 proxectos nados na comunidade, moitos deles impulsados por alumnado egresado da Universidade da Coruña (UDC) como poden ser Gelatina is Hungry (Under Castle), After Juice (Virtual Seed), Quenllas (Rapoucado), Garden Gnomes Invasion (Rapoucado), Mail to the Moon (Michiños Fofiños), Clara & Yema (Zeta Works) e Songs of Sorrow (Placebo Pleasure).
Os encontros profesionais sobre tradución, a entrega de premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña ou as exposicións do Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) foron algunhas das propostas lúdico-formativas dun evento que nace “co obxectivo de converterse no maior escaparate do videoxogo galego e da cultura dixital”.