AlzUP presenta unha aplicación para loitar contra os efectos do alzheimer

luns, 22 de agosto do 2016 Redacción

Os días pasados tivemos ocasión de coñecer unha nova ferramenta tecnolóxica destinada a combater doenzas neurodexenerativas como o alzheimer: enfermidades que deixan maior ou menor pegada na nosa capacidade cognitiva e que adoitan provocar graves perdas irreversíbeis e progresivas de memoria. Para combater a devandita doenza e poñerlle freo aos seus efectos a nova empresa española AlzUP vén de lanzar á Internet unha aplicación móbil que ten capacidade para demorar o proceso de deterioro cognitivo. Segundo informan os creadores da app, este adiamento do proceso pode chegar até os tres anos.
O funcionamento básico desta tecnoloxía é o seguinte: fornece ao usuario unha serie de actividades emocionais, exercicios e tarefas de cálculo, memoria e relaxación, cuxo obxectivo é a estimulación de diversas áreas cognitivas do cerebro. A app compleméntase cun banco de lembranzas persoais que emula o xeito que temos de catalogar os recordos. Segundo engaden os responsábeis deste desenvolvemento, as tecnoloxías postas en xogo incrementan e fortalecen a actividade de zonas do noso cerebro contribuíndo a reforzar as conexións neuronais, o que fai que o proceso dexenerativo sexa moito máis devagar.
A ferramenta en cuestión está aínda en fase de últimos axustes pero xa podemos descargar a versión beta até xaneiro do ano vindeiro. De feito, o lanzamento definitivo está previsto para xaneiro de 2017.

PUBLICIDADE