Tras varios meses con xogos verdadeiramente notables dentro da selección de títulos recollidos na promoción de Xogos con Gold, Microsoft solta o pé do acelerador e ofrecerá durante o mes de outubro unha serie de títulos moi discretos, dando a impresión de que están a relaxar o ritmo para poder ofrecer algún xogo realmente importante durante a campaña de Nadal (algo bastante habitual para causar nos novos usuarios a impresión de que a subscrición a Xbox LIVE Gold inclúe un valor que vai máis aló de permitir o xogo en liña).
Os xogos máis frouxos son sen dúbida os de Xbox One, consola que o día 1 recibirá Super Mega Baseball: Extra Innings, título deportivo con ton caricaturesco que actualmente está á venda por 19,99 euros, e ao que o día 16 seguirá The Escapists, xogo á venda por 17,99 euros, que consiste na planificación da fuxida dunha prisión cuns gráficos moi minimalistas que poden chegar a lembrar aos xogos de rol da vella NES.
A Xbox 360 recibirá en outubro xogos moito máis dignos, de xeito que na primeira quincena estará dispoñible para a súa adquisición sen custo adicional MX vs ATV Reflex, un xogo de carreiras e acrobacias en motocicleta; mentres que para a segunda metade do mes reservan o que parece o xogo estrela do mes, I Am Alive, xogo que sorprendeu pola súa proposta na anterior xeración, xa que consiste en sobrevivir nun mundo derruído tras unha catástrofe, para o que haberá que explorar unha cidade deserta, escalando ruínas de rañaceos para atopar recursos que permitan seguir adiante á vez que se ten que interactuar con outros superviventes (uns perigosos e outros que precisan axuda) mentres o protagonista vaga pola cidade coa esperanza de atopar á súa muller e á súa filla.
Am I Alive destaca entre os Xogos con Gold de outubro
Compartir Este Artigo
