Amazon Prime Video estréase no Apple TV

xoves, 7 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Nas últimas horas os usuarios de dispositivos Apple TV de terceira xeración ou superior estrearon a posibilidade de instalar a aplicación oficial de Amazon Prime Video, servizo de vídeo baixo demanda que ofrece Amazon aos seus subscritores do servizo de entregas urxentes sen custo adicional, facilitando así a reprodución dun emerxente catálogo de series de televisión, películas e incluso algún programa orixinal (como o espazo de motor The Grand Tour, un importante reclamo deste servizo).
En EE.UU. Amazon Prime Video tamén inclúe retransmisións deportivas en directo, de aí que o incremento de dispositivos dende os que estea dispoñible resulta tan interesante para os consumidores, aínda que cómpre lembrar que a principal carencia do servizo é a política de Amazon contra dispositivos de vídeo de Google, ou sexa, contra o Chromecast, facendo moi complicado o acceso aos seus contidos en moitos escenarios, aínda que nos últimos meses a situación mellorou moito grazas á estrea de aplicacións oficiais para PS4 e Xbox One.
No caso da última versión de Apple TV o servizo de Amazon Prime Video é especialmente interesante xa que inclúe contidos en ultra alta definición (4K), de xeito que pódese así tirar proveito da elevada resolución dos novos televisores e incluso do soporte de HDR, conseguindo así unha calidade de imaxe impresionante que por fin pode gozarse no Apple TV 4K (tras unha actualización que soluciona problemas coa interpretación dos formatos de HDR).

PUBLICIDADE