Amazon Prime sube un 38,6% o seu prezo

martes, 26 de xullo do 2022 Marcus Fernández

A partir do vindeiro 15 de setembro o servizo de subscrición Amazon Prime incrementa o seu prezo mensual de 3,99 a 4,99 euros e o seu prezo anual de 36 a 49,90 euros, ou sexa, que na meirande parte dos casos estamos a falar dun incremento de prezo superior ao 38,6%, o que está a considerarse de xeito xeral como unha suba de prezo desproporcionada, pois aínda que Amazon argumenta que é a inflación a que provoca o incremento de prezo, resulta evidente que a alza de prezos no último ano non é tan pronunciada como está a repercutir a compañía de Jeff Bezos.
Cómpre salientar que España é un dos países europeos nos que Prime é máis económico (xunto con Italia), mentres que en Francia pasará a custar 6,99 euros/mes, en Alemaña 7,99 euros/mes e, se imos a Reino Unido, o prezo pasará a ser de 8,99 libras/mes (10,63 euros ao cambio), polo que enténdese que a compañía axusta os seus prezos en función do poder adquisitivo dos consumidores.
Aínda que Amazon Prime inclúe unha chea de servizos adicionais (como Prime Video, Twitch Prime e Amazon Photos) a suba de prezos parece estar provocada principalmente polo encarecemento os custos loxísticos, xa que o principal servizo de Prime segue a ser os envíos rápidos sen custo adicional, elemento que é chave para o éxito de Amazon, que así consegue cativar aos seus clientes, que non recorren a outras tendas en liña xa que a igualdade de prezo conseguen vantaxe por mor dos gastos de envío incluídos en Prime.