Amazon celebra o Día de Galicia poñendo nome aos negocios da nosa terra que apostan polo ecommerce
venres, 23 de xullo do 2021
A
multinacional tecnolóxica Amazon vén de sumarse ás celebracións
do Día de Galicia, este 25 de xullo, e faino cunha campaña para dar
e coñecer o talento dos nosos pequenos negocios e creadores: a
iniciativa Galicia a un clic, enmarcada en España
a un clic. O obxectivo é poñer nome aos establecementos,
pemes e obradoiros (máis de 500 do total de 12.000 pemes españolas
con presenza activa en Amazon) que levan o mellor da nosa terra a
clientes de toda España e do mundo, a través da dita plataforma de
comercio electrónico. “É o noso xeito de recoñecer a
contribución destas pequenas e medianas empresas ao desenvolvemento
económico e á difusión da cultura e a tradición galegas”,
explica a empresa nun comunicado.
- A tenda de artesanía luguesa Pau Decó é unha das destacadas por Amazon
Este
ano, ademais, coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo, Amazon
puxo en marcha a iniciativa The
Handmade Tour: O Camiño, destinada impulsar o recoñecemento
dos pequenos artesáns repartidos polos diferentes camiños que levan
a Santiago de Compostela e que venden os seus produtos a través de
Amazon Handmade,
Volvendo
a Galicia a un clic, o obxectivo de poñer nome e faciana aos
creadores e pemes locais que apostan por Amazon materialízase en
pequenas pílulas de información, como por exemplo a referida a
Patatas
Fritas Guays, empresa que naceu para aproveitar o excedente de
pataca dunha explotación familiar da comarca da Limia (Ourense), e
desde marzo de 2020 vende en Amazon para facer fronte á situación
provocada pola crise sanitaria. “En pouco máis dun ano, pasou de
vender en España a exportar o 5% das súas vendas”, confirma
Adrián Castillo, xefe de compras da compañía.
Outras
empresas (inseridas nunha longa listaxe de iniciativas de mercado)
que atopan impulso na campaña son Ourense
Kavak Cosmetics (negocio especializado na venda de produtos de
cosmética e barbaría profesional que vende a través de Amazon
desde 2019 e desde entón duplicou o seu persoal), Gaitas
Eduardo Represas (empresa familiar que leva 100 anos fabricando e
vendendo gaitas e artigos relacionados desde o municipio de
Ponteareas e que en 2020 realizou o groso das súas vendas a través
de Amazon) ou Sangría
Republic (que vende sangría natural en lata a través da dita
plataforma de comercio electrónico, e que ten importantes
exportacións a Estados Unidos, Reino Unido e Indonesia).
No
comunicado, Amazon certifica a súa aposta polas empresas da nosa
terra e lembra, neste sentido, a apertura da súa estación loxística
do Porriño en xullo de 2019, da que fai o seguinte balance: “A día
de hoxe xa se superaron as previsións de creación de postos de
traballo, así como o número de empresas locais de reparto coas que
colabora a compañía actualmente, e que se encargan de entregar
pedidos de Amazon de forma diaria aos clientes en distintas zonas de
Vigo, Santiago e Ourense”. Con máis de 4.000 metros cadrados, este
centro emprega na actualidade a máis de 60 persoas e xerou
oportunidades laborais indirectas para máis de 190 condutores, que
son contratados polas 4 empresas de repartición que colaboran con
Amazon en Galicia, explica a compañía.