Amazon converte o Fire TV Cube nun thin client

mércores, 29 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Amazon Web Services vén de presentar un novo produto de hardware para achegar ás empresas escritorios virtuais doados de empregar, coa curiosidade de que este novo produto está baseado no reprodutor multimedia Fire TV Cube, pero en vez de empregarse para consumir contidos fai de equipo informático básico, ideal para escenarios de traballo remoto e híbrido.
O Amazon WorkSpaces Thin Client é basicamente o mencionado Fire TV Cube, pero en vez de conectalo ao televisor os seus portos USB e HDMI serven para conectarse a monitores e periféricos como o teclado, o rato, cámaras ou auriculares, para o que dende AWS simplemente tiveron que actualizar o firmware do dispositivo.
Deste xeito conséguese que cada equipo informático teña un custo de 195 dólares (280 dólares no caso da súa configuración para 2 monitores), que é moito menos do que custa habitualmente un ordenador persoas, aínda que cómpre salientar que funcionar conectándose a servidores virtuais en AWS, que teñen un custo de subscrición (6 dólares/mes aparte do servizo de escritorio virtual), pero que tamén achegan moitas vantaxes como unha despregadura rápida e sinxela (a propia Amazon enviaría os dispositivos aos usuarios finais), unha doada administración e unha grande seguridade.
Dende Amazon consideran que esta é unha boa solución para quioscos empresariais, traballadores externos de servizos de atención ao cliente e comerciais, postos de administración e traballos de edición de contido e moderación, salientando que os clientes lixeiros son de grande utilidade para evitar filtracións de datos.
Prevén que esta solución entre en fase comercial nos EE.UU. a primeiros de 2024.

Vídeo no que se explica o proceso de instalación do Amazon WorkSpaces Thin Client