Amazon.es inicia a conta atrás para o Black Friday

luns, 13 de novembro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro día 24 celébrase o Black Friday, evento de rebaixas que nos últimos anos converteuse nun fenómeno mundial, e que en España está presente en establecementos comerciais de todo tipo, pero sempre cun carácter moi especial en Amazon, tenda en liña que hoxe mesmo xa iniciou a campaña destas rebaixas previas á campaña de Nadal coa que pretenden achegar máis 15.000 ofertas.
A partires de hoxe Amazon dá a coñecer os detalles deste Black Friday, iniciando unha conta atrás até a data sinalada, de xeito que teremos 2 semanas de ofertas, das que as máis interesantes concentraranse nun único día, aínda que sempre deixan algunha sorpresa para o luns seguinte, o chamado Cyber Monday.
A partires do vindeiro luns os clientes de Amazon.es poderán gozar de ofertas lóstrego, que durante un máximo de 6 horas ofrecerán produtos populares con atractivos descontos, tendo os subscritores de Amazon Prime un acceso prioritario a estas promocións (xa que pare eles as ofertas estarán dispoñibles con media hora de antelación).
Dende Amazon aseguran que o Black Friday está a consolidarse como o inicio da campaña de Nadal, o que no caso español supón estirar considerablemente as datas, xa que as festividades aquí rematan aproximadamente unha semana máis tarde que nos EE.UU., onde o venres negro ten bastante máis sentido (xa que a véspera celebran o Día de Acción de Grazas). Temos así unha celebración que como única xustificación ten a globalización do comercio.

PUBLICIDADE