Amazon está a preparar un novo smartphone

venres, 20 de marzo do 2026 Redacción

Amazon estaría a traballar nun novo teléfono móbil máis dunha década despois do fracaso do Fire Phone, nun intento por redefinir o papel destes dispositivos arredor da intelixencia artificial e os seus propios servizos dixitais.
Segundo fontes coñecedoras do proxecto, o dispositivo —co nome interno de Transformer— está a ser desenvolvido dentro da división de dispositivos e servizos da compañía. A iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla para converter Alexa nun asistente ubicuo e central na experiencia dixital diaria dos usuarios.
A nova proposta concíbese como un dispositivo altamente personalizado, capaz de integrarse co ecosistema doméstico e facilitar accións como compras, consumo de contidos en Prime Video ou reprodución de música. A compañía tamén explora a posibilidade de reducir a dependencia das tendas de aplicacións tradicionais mediante unha integración máis profunda de capacidades baseadas en intelixencia artificial.
Este enfoque encaixa coa visión histórica de Jeff Bezos, que aspiraba a desenvolver un sistema de computación controlado por voz semellante aos asistentes de ciencia ficción. O obxectivo sería, ademais, reforzar a relación directa cos clientes e ampliar o volume de datos dispoñibles sobre hábitos de consumo.
O desenvolvemento do novo dispositivo está liderado por ZeroOne, un equipo interno creado recentemente para impulsar produtos disruptivos. Entre as opcións avaliadas atópanse tanto un smartphone convencional como un modelo máis limitado, semellante a un teléfono móbil básico, pensado para reducir a dependencia das pantallas e actuar como segundo dispositivo.
Amazon xa tentou entrar no mercado dos smartphones en 2014 co Fire Phone, un dispositivo que incorporaba funcións innovadoras como o recoñecemento de produtos mediante a cámara. Con todo, a falta de aplicacións populares e problemas técnicos limitaron a súa adopción.
A compañía acabou retirando o produto tras pouco máis dun ano no mercado, asumindo perdas significativas. O novo intento deberá, por tanto, ofrecer unha proposta diferencial clara para convencer aos usuarios de abandonar ou complementar os ecosistemas consolidados de Apple e Samsung.
Por agora, Amazon non confirmou oficialmente o proxecto nin os seus detalles, e o seu desenvolvemento podería verse alterado ou mesmo cancelado en función da evolución estratéxica e financeira da compañía.