Amazon estrea un produto Echo con pantalla táctil e cámara
martes, 9 de maio do 2017
Que o altofalante Amazon
Echo fose a ser un éxito tan rotundo nos EE.UU. era algo difícil de
predicir, especialmente porque non só colocou un impresionante volume de
unidades no mercado, senón porque deu pé a toda unha gama de produtos, como o
Echo Dot e o Echo
Look, aos que agora súmase o Echo
Show, unha transformación do produto que esteticamente está próximo a un
marco dixital, e que consegue explorar novos usos grazas á integración dunha
pantalla táctil de 7 polgadas e unha cámara de 5 Mpíxeles.
Este novo produto mide 187 x 187 x 90 milímetros, pesa 1.170 gramos e en vez de
emitir son en 360 graos opta pro un par de altofalantes estéreo, aínda que unha
vez máis a súa tecnoloxía non será o seu hardware, senón o software que está
detrás, concretamente a intelixencia artificial Alexa, a quen pode realizárselle
consultas en inglés, mandar que reproduza unha canción ou un vídeo e incluso
controlar dispositivos conectados que teñamos no fogar.
Aínda que os produtos da gama Echo estaban principalmente orientados a unha
interacción falada, a incorporación dunha pantalla no Echo Show fai que, por
exemplo, poidamos ver a letra das cancións de Amazon Music durante a súa reprodución,
que poidamos realizar videochamadas (a outros dispositivos Echo Show e a
dispositivos móbiles coa aplicación de Alexa instalada), reproducir vídeos en
liña e incluso poder amosar a imaxe dalgunhas das cámaras compatibles co
sistema (que poderían deixarnos ver quen está a chamar á porta ou vixiar a un
bebé).
Estamos ante un produto que chegará ao mercado norteamericano o 28 de xuño a un
prezo de 229,99 dólares (211,44 euros) que entendemos que aínda tardará en
chegar a España de xeito oficial principalmente polo feito de que Alexa aínda
non fala español. Dada a posibilidade de comunicarse entre dispositivos Echo
Show, Amazon descontará 100 dólares no pedido a quen se faga con dúas unidades
deste novo trebello que ten a difícil misión de conseguir popularizar a
videoconferencia dende un dispositivo de electrónica doméstica, algo no que
fracasaron bastantes fabricantes nos últimos anos.
Vídeo promocional do Amazon Echo Show