Amazon mellora as cámaras dos Echo Show con pantallas de 5,5 e 8 polgadas

mércores, 12 de maio do 2021 Marcus Fernández

Os dispositivos Echo Show 5 e Echo Show 8 recibirán novas versións o vindeiro 9 de xuño, e como principal innovación actualizan as súas cámaras respondendo así ao grande pulo que colleron as videoconferencias nos últimos meses.
Por unha banda, o novo Echo Show 8, coa súa pantalla HD de 8 polgadas, incorpora altofalantes estéreo e unha cámara de 13 Mpíxeles con cuberta integrada, aproveitando a elevada resolución da cámara para poder facer recorte na imaxe e así poder achegar a imaxe e encadrala durante as videoconferencias, de xeito que podemos movernos mentres o propio dispositivo mantennos en plano sempre que esteamos dentro do seu ángulo de visión.
Este trebello mantén as súas prestacións principais, como funcionar co asistente de voz Alexa, reproducir música de servizos como Spotify, Amazon Music e Apple Music, reproducir vídeo de servizos como Prime Video e Netflix, amosar receitas de Cookpad e manexar a electrónica doméstica, de xeito que resulta moi versátil. O seu prezo de venda será de 129,99 euros.
Para os que precisen dun dispositivo máis compacto está o novo Echo Show 5, que conta cunha pantalla de 5,5 polgadas, de xeito que ofrece case as mesmas funcións nun tamaño máis axeitado, por exemplo, para colocar no dormitorio, sendo o seu prezo de venda de 84,99 euros. Desta volta a cámara de alta definición é de 2 Mpíxeles (o modelo actual ten cámara de 1 Mpíxeles) co que busca mellorar as súas prestacións de cara a videoconferencias, pero tamén para poder comprobar o estado do fogar cando estamos fóra a través da aplicación de Alexa para móbiles.

JPEG - 119.1 KB
O tamaño compacto do Echo Show 5 convérteo nun trebello ideal para estancias como o dormitorio

Vídeo promocional do novo Echo Show 8

PUBLICIDADE