Amazon mellora o seu Kindle máis económico

mércores, 22 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O lector de libros electrónicos máis económico de Amazon presentou hoxe a súa versión renovada, que chegará ao público a partires do 20 de xullo, pero que xa pode encargarse, mantendo o seu prezo en 79,99 euros e resultando máis cómodo que a anterior versión ao reducir o seu grosor un 11% e o seu peso un 16%.
Desta volta o trebello estará dispoñible en cor branca ou negra, dobrará a súa RAM até os 512 MB (o que debería axilizar o seu funcionamento), e aínda que a súa pantalla de 6 polgadas teña unha resolución algo pobre (167 puntos por polgada) pretende gañar adeptos de cara ao verán empregando como reclamo que as súas vantaxes con respecto ás tabletas, como son a súa autonomía (funciona durante días en vez de horas), o seu comportamento en exteriores (a pantalla pode lerse sen problema baixo a luz do sol por empregar tecnoloxía de papel electrónico e non reflexar como acontece coas tabletas) e incluso o seu ridículo peso (161 gramos).
Outra vantaxe que destacan do uso de lectores como o Kindle é que, ao estarmos ante trebellos orientados a un único uso, evitan as distraccións que provocan outros dispositivos conectados que convidan constantemente a realizar outras actividades como consultar o correo electrónico ou as redes sociais, interrompendo a actividade lectora.
Un detalle do que dan conta dende EE.UU. é que este sería o primeiro Kindle en incorporar Bluetooth para audio, o que permitiría empregar o lector de pantalla VoiceView sen empregar un adaptador especial, o que facilitaría que os usuarios con eivas visuais puidesen gozar dos seus libros favoritos mediante un conversor de texto a voz desenvolvido por IONA. Esta función parece que polo momento só está dispoñible en inglés, de aí que non figure na versión española do eReader.

O Kindle destaca fronte ás tabletas por facilitar a lectura en exteriores

PUBLICIDADE