Amazon permite converter as súas tabletas en pantallas con Alexa
xoves, 28 de xuño do 2018
A familia de tabletas de Amazon ten un par de novidades dende
hoxe, que aínda que polo momento non están dispoñibles no mercado español, non
sería descartable que o fixesen nos vindeiros meses. Un dos produtos que
probablemente máis agradecerían os consumidores españois será a nova tableta Amazon Fire HD de 10,1
polgadas dentro da serie Kids Edition,
que por 199,99 dólares/libras/euros ofrece non só unha tableta Full HD cunha
carcasa protectora, senón que tamén conta cun seguro de 2 anos, de xeito que sería
a tableta máis a proba de cativos do
mercado.
Pero o produto máis rechamante é a nova base de carga para as
tabletas Fire HD 10 e Fire
HD 8 (esta última tableta, si á
venda en España), que permite colocar as tabletas de Amazon nunha peaña, a
xeito de marco dixital, o que transforma virtualmente a tableta nun Amazon Echo
Show, de xeito que pode empregarse para reproducir música e vídeo, ver fotografías,
realizar videoconferencias... e tamén empregar Alexa a viva voz, para así poder
darlle ordes e, por exemplo, controlar dispositivos conectados no fogar, mercar
produtos en Amazon ou realizar consultas ao asistente virtual de Amazon.
Temos así unha curiosa solución que permite que, quen xa teñan unha tableta,
poida facerse cunha pantalla conectada con Alexa sen ter que facer un grande desenvolvemento
económico, xa que estas bases de carga como Modo
Show véndense a 34,99 e 49,99 dólares.