Amazon podería lanzar en breve un smartphone con 6 cámaras

venres, 21 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Imaxe retocada na que amosan a aparencia que podería ter un smartphone de Amazon

Tras a incursión de Amazon no mercado dos tablets levamos moitos meses escoitando que a compañía de Jeff Bezos estarían a preparar smartphones de seu, e dende Boy Genius Report aseguran ter información interna da compañía que apuntaría a que o agardado produto podería chegar en entre 3 e 6 meses.
Aseguran que a cadea de subministración estaría a piques de iniciar a acumulación de materiais para o inicio da produción do novo smartphone durante o segundo trimestre do ano, sendo de agardar que o novo produto siga a mesma fórmula de comercialización que os lectores de libro electrónico e tablets da familia Kindle, polo que poderían resultar de grande atractivo para os consumidores (especialmente nos EE.UU.). A predición do número de smartphones de Amazon fabricados durante o segundo trimestre do ano sería de entre 300 e 600 mil unidades, de xeito que poderíamos rematar o ano con 2-3 millóns de unidades fabricadas.
Entre os rumores que circulan do produto está o feito de que o novo móbil podería contar cun total de 6 cámaras, pois, aparte das cámaras traseira e dianteira, empregaría catro cámaras adicionais para o recoñecemento de xestos, de xeito que podería manexarse o móbil sen chegar a tocar a súa pantalla táctil.
No resto de especificacións teriamos un smartphone bastante estándar, cun procesador Qualcomm Snapdragon 801, pantalla de 4,7 polgadas cunha densidade de entre 300 e 320 puntos por polgada, cámara de 13 Mpíxeles subministrada por Sony, cámaras secundarias subministradas por Primax, carcasa de plástico e batería de entre 2.000 e 2.400 mAh.

PUBLICIDADE