Amazon prepara unha chea de produtos controlables por voz

martes, 18 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que non se espera a estrea oficial en España até o outono, os produtos da familia Amazon Echo non deixa de medrar, e os altofalantes conectados Echo, aos trebellos con pantalla Echo Spot e Show, á cámara estilista Echo Look e ao reprodutor multimedia Fire TV Cube poderían sumárselle antes de rematar o ano cando menos 8 novos dispositivos que tirarían proveito do asistente virtual Alexa.
Segundo a CNBC os novos produtos conectados de Amazon serían moi variados, incluíndo un forno microondas, un amplificador, un receptor, un subwoofer e un trebello para o automóbil, que poderían controlarse mediante Alexa, ou sexa, con ordes de voz, mudando o xeito de relacionarnos coa tecnoloxía e facilitando a súa integración no noso día a día.
Cómpre lembrar que Amazon non só ten produtos da liña Echo que tiran proveito de Alexa, senón que tamén conta con marcas propias como Ring (especializada en seguridade do fogar, que conta no seu catálogo con videoporteiros, alarmas, sensores de presenza, cámaras...) e alianzas con numerosos fabricantes que comercializan unha chea de dispositivos que poden controlarse co asistente de voz de Amazon, que busca aproveitar a súa posición pioneira para liderar este mercado emerxente.

PUBLICIDADE