Amazon presenta a súa plataforma de xogo na nube

xoves, 24 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Amazon abriu hoxe a inscrición nos EE.UU. para poder participar anticipadamente en Amazon Luna, o novo servizo de xogo na nube baseado nos servidores de Amazon Web Services que permiten gozar de xogos en streaming de xeito instantáneo, sen grandes descargas, instalación de actualizacións ou a necesidade de precisar dun hardware potente para pdoer gozar de bos gráficos. De feito, Luna funcionará inicialmente non só en ordenadores PC e Mac, senón tamén nos dispositivos Fire TV, para chegar máis adiante a iOS (como aplicacións web) e Android.
Luna quere ser un servizo de subscrición que por 5,99 dólares/mes ofrece un catálogo de xogos como Resident Evil 7, Control, Panzer Dragoon, The Surge 2, GRID, ABZU ou Brothers: A Tale of Two Sons, aos que irán incorporándose máis xogos paulatinamente, que poderán gozarse en até 2 dispositivos á vez en alta definición, con algúns xogos en concreto sendo capaces de ofrecer gráficos 4K a 60 imaxes por segundo.
O servizo tamén pretende ofrecer unha canle de subscrición de xogos de Ubisoft, que contratarase aparte, e que ofrecerá grandes títulos como Assassins Creed Valhalla, Far Cry 6 e Immortals Fenyx Rising dende o día do seu lanzamento. Sería a primeira canle dentro de Luna, pero Amazon deixa a súa plataforma aberta para outras compañías que queiran ofrecer o seu catálogo de xogos para a súa reprodución en streaming.
Tampouco podemos esquecer que Amazon é a propietaria de Twitch, polo que Luna integrarase con Twitch dun xeito moi especial, de xeito que dende Twitch será posible iniciar de xeito instantáneo xogos de Luna.
Aínda que Luna pode xogarse con teclado e rato ou mandos Bluetooth, tamén estará dispoñible un mando específico de Luna, que comunicarase directamente coa nube de Amazon para reducir a latencia, que venderase a 49,99 dólares.
Esta plataforma de xogo pode considerarse como competidora directa de Stadia, pero adoptando un modelo de subscrición máis na liña de Game Pass, conseguindo así facer máis suave a aproximación dos usuarios, que aínda non están afeitos a mercar xogos en streaming, mentres que un modelo tipo Netflix resulta máis doado de asumir.
Polo momento descoñécese cando Amazon Luna será un servizo oficial e cando estará dispoñible globalmente, pero do que non hai dúbida é de que o xogo na nube está a avanzar a grande velocidade para converterse nunha alternativa sólida ao xogo en consolas, dependendo basicamente da calidade das conexións á Rede que teñamos.

Amazon Luna pretende chegar a móbiles no futuro

PUBLICIDADE