Amazon proba publicamente os seus drons nos EE.UU.

venres, 24 de marzo do 2017 Marcus Fernández

De cara ao Nadal de 2013 Amazon conseguiu captar as miradas de case todo o mundo ao anunciar que tiña previsto lanzar un servizo de entrega de paquetes mediante drons, Amazon Prime Air, que non para de realizar probas en distintos países demostrando que cada vez é unha posibilidade na que os atrancos son máis de regulamentos que de tecnoloxía, xa que a nosa sociedade aínda non está preparada para que teñamos drons sobrevoando as novas vilas e cidades.
Aínda que a meirande parte das probas realízanse en países con lexislacións flexibles como a australiana, esta semana realizouse a primeira demostración pública de Amazon Prime Air nos EE.UU., cun dron entregando unhas botellas de protector solar no marco dun congreso en Florida, realizándose a entrega dos produtos dun xeito completamente automático.
Amazon xa fixo entregas semellantes noutros países nos pasados meses, e cada vez están máis preto de poder conseguir que os drons poidan facilitar entregas de pedidos en menos de media hora, aínda que cómpre destacar que faltan moitos cambios regulatorios para que isto sexa posible pois, se ben a lexislación para o uso de drons está a avanzar en todo o mundo, na meirande parte dos casos é preciso que os dispositivos estean controlados por persoas con visión directa do dispositivo voador, ou sexa, que os drons autónomos aínda están lonxe de poder empregarse no mundo real (como tamén acontece cos coches autónomos).

Vídeo de James Vincent (The Verge) no que amosa a proba de Amazon Prime Air nun congreso en Florida

PUBLICIDADE