Amazon recibiu beneficios fiscais indebido en Luxemburgo por valor de 250 millóns de euros

mércores, 4 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Os beneficios fiscais a grandes multinacionais son un problema recorrente para as autoridades comunitarias, que ven con ollo crítico que certas compañías de fóra da Unión fagan negocio cos europeos pagando menos impostos do debido, aproveitando acordos locais que en moitos casos vulnerarían a lexislación europea, e dentro desta zona gris estaría Amazon, compañía da que unha investigación da Comisión Europea conclúe que gozou de beneficios fiscais indebidos en Luxemburgo por un valor total de 250 millóns de euros.
Concretamente a responsable da Política de Competencia, a comisaria Margrethe Vestager, asegurou que os beneficios fiscais ilegais tiveron como resultado que «preto das tres cuartas partes dos beneficios de Amazon non tributaron», ou sexa, que Amazon pagou a cuarta parte do que tería que pagar unha empresa europea suxeita ás normas fiscais do seu país, o que claramente sería ilegal, xa que «os estados membros non poden conceder a grupos multinacionais beneficios fiscais selectivos aos que non teñen acceso outros».
Esta investigación iniciouse en 2014 e concluíu que a resolución fiscal adaptada por Luxemburgo en 2003 e prorrogada en 2011 carecía de xustificación válida para reducir os impostos pagados por Amazon mediante a redución artificial dos beneficios de Amazon EU a través do pagamento dun canon a outra empresa do seu grupo (que non tributa, e que non desenvolvería unha actividade que xustifica o nivel de canon recibido).

Margrethe Vestager explicou hoxe ante os medios as conclusións da investigación sobre os beneficios fiscais de Amazon en Luxemburgo

PUBLICIDADE