Amazon simplifica a compra de produtos de EE.UU. a través da súa aplicación móbil

mércores, 18 de abril do 2018 Marcus Fernández

Antes da chegada oficial de Amazon a España era posible realizar pedidos a través de Amazon.com, con prezos en dólares e, de cando en vez, con sorpresas ao ver como os paquetes paraban en aduanas e incrementaban considerablemente o seu prezo final, e aínda que actualmente Amazon conta con presenza europea, moitos produtos continúan a ser difíciles de conseguir a esta lado do Atlántico ou teñen prezos pouco vantaxosos, polo que Amazon.com continúa a ter o seu atractivo en momentos puntuais, de aí que decidisen facilitar a súa dispoñibilidade, e agora, a través da aplicación móbil de Amazon podemos importar produtos de EE.UU. dun xeito máis sinxelo.
A partires de agora, cando accedemos á configuración da aplicación de Amazon para mudar o país ao que queremos realizar un pedido, aparte de poder elixir Amazon.com tamén temos a opción de compras internacionais, podendo manter o idioma da aplicación en español e incluso seleccionar que a moeda usada sexa o euro, o que simplifica enormemente a decisión de compra. Amais, cando visitamos as fichas dos produtos susceptibles a ser parados polos servizos arancelarios indicarásenos cal será o depósito correspondentes ás taxas de importación, evitando así sorpresas e evitando intermediarios e retrasos no envío.
Estas novidades non supón un cambio real no xeito de operar Amazon.com, senón que simplemente simplifica o xeito de interactuar na tenda, podendo ver claramente os produtos que non poden enviarse internacionalmente, á vez que tamén nos facemos unha boa idea do que pagaremos realmente por eles.