Amazon trae a España a súa tenda de produtos de baixo custo

mércores, 1 de outubro do 2025 Redacción

Amazon acaba de lanzar en España Amazon Haul, unha nova experiencia de compra que reúne miles de produtos a prezos moi baixos, con todos por debaixo dos 20 euros, a maioría por menos de 10 e algúns desde tan só 1 euro. A proposta chega tras a súa implantación en Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña e outros mercados, e busca ofrecer unha forma atractiva e sinxela de atopar artigos de moda, fogar, estilo de vida e moitas outras categorías, tanto en web como na aplicación móbil, o que podemos percibir como unha clara reacción ao fenómeno de Temu.
A sección conta cunha interface propia con busca, carro e proceso de pago diferenciados, e os pedidos chegan nun prazo máximo de dúas semanas. Amazon Haul inclúe descontos adicionais do 5 % en compras superiores a 30 euros e do 10 % en pedidos de máis de 50 euros, ademais de envío gratuíto en compras a partir de 15 euros (cun custo fixo de 3,50 euros para importes inferiores).
Os artigos dispoñen de valoracións e opinións de clientes, así como das verificacións necesarias de Amazon, garantindo produtos seguros e conformes coa normativa. As devolucións son de balde se se solicitan dentro dos 15 días posteriores á recepción, e en moitos casos non é preciso imprimir etiqueta nin empaquetar: abonda con deixar o artigo nun punto de devolución como Celeritas ou SEUR, que se ocupa do resto.