Amazon vende un completo adaptador para empregar auriculares normais nos iPhone

venres, 6 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A supresión da toma de auriculares dos iPhone 7 e 7 Plus foi todo un problema para moitos que continuaban a preferir a conexión por cable que mediante tecnoloxías sen fíos, e aínda que o móbil incluíse un conector para poder adaptar auriculares estándar, empregar o porto Lightning para escoitar música provocaba un problema: impedía a carga ao mesmo tempo.
Para solucionar este problema apareceron solucións como uns auriculares Lightning que integraban unha entrada Lightning no seu cable (para recibir carga mentres se escoita música), pero que teñen un prezo moi elevado; e a propia Apple chegou a vender nas súas tendas o adaptador de audio + carga Rockstar de 3,5 mm de Belkin, que permite cargar o iPhone mentres se escoita música con auriculares estándar e ten un prezo de 34,95 euros, pero que verase agora seriamente ameazado, xa que Amazon vén de incorporar ao seu catálogo un adaptador semellante de marca propia que ten un prezo inferior (29,99 euros) e incluso integra botóns para axustar o volume, xestionar a reprodución musical e responder ou finalizar chamadas, de xeito que sería un produto máis completo e coa garantía tanto de estar certificado por Apple como de estar amparado pola marca AmazonBasics.

PUBLICIDADE