Ambar e a Confraría da Illa de Arousa presentan arousaaccesible.gal

xoves, 7 de agosto do 2025 S. P.

A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, entidade inclusiva do Barbanza, en colaboración ca Confraría da Illa de Arousa, vén de presentar a nova plataforma arousaaccesible.gal. Trátase dunha guía en liña que ten como obxectivo principal “converter a ría de Arousa nun referente en accesibilidade, facilitando o acceso a servizos, recursos e espazos para todas as persoas”.
A través da web, os usuarios e usuarias poderán atopar información detallada e actualizada sobre os lugares e actividades libres de barreira na contorna de Arousa, o que permite que todas as persoas poidan planificar as súas saídas e gozar plenamente da contorna. A iniciativa busca así “derrubar muros e fomentar un turismo e unha vida en comunidade verdadeiramente inclusivos”, explicaron as dúas entidades.
"Con este proxecto queremos demostrar que a accesibilidade é un dereito fundamental e un valor engadido para a nosa sociedade", sinala Sheila Santos, coordinadora do proxecto Ría de Arousa Accesible, engadindo que “a guía é unha ferramenta clave para que a ría poida posicionarse como un destino turístico inclusivo e para que tanto as persoas con diversidade funcional como as persoas con mobilidade reducida, teñan a autonomía necesaria para vivir a vida que desexan. É un paso máis para construír unha comunidade sen barreiras".
O proxecto Ría de Arousa Accesible é unha realidade grazas ao financiamento da Xunta de Galicia, do GALP Ría de Arousa e ao co-financiamento da Unión Europea, que apostaron por esta iniciativa de gran impacto social.
Desde a Asociación Ambar animamos a toda a cidadanía e ós profesionais do sector a “explorar a web” e “a traballar xuntos/as para facer da inclusión unha realidade en cada recuncho da nosa ría”.