Ambar lanza un programa radiofónico en liña para conmemorar a diversidade

venres, 27 de xuño do 2025 S. P.

A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, con sede no Barbanza, presentou, coincidindo coa celebración deste 28 de xuño (Día da Diversidade Sexual), unha nova iniciativa de divulgación e sensibilización: Diversos Podcast, programa radiofónico en liña con datos curiosos, humor e “convidadas moi especiais”.
Tras meses de formación, gravación e edición e co esforzo das persoas usuarias que forman o equipo do podcast, o resultado é “un programa creado por e para a comunidade e desenvolvido con alma e corazón”, sinalaron dende Ambar, salientando tamén a vontade de mesturar información, humor e as voces auténticas de quen vive a diversidade no seu día a día.
O programa contou ca colaboración da artista e comunicadora MJ Pérez, quen transmitiu todos os seus coñecementos ás persoas usuarias, a través dunha fase inicial de formación.
O equipo podcast contou ademais cun espazo na comunidade para facer a produción, o cal foi cedido polo Concello de Ribeira.
Ademais, para a fase de gravación, a empresa BStreaming asesorou ao equipo técnico.
Temáticas que sorprenden e conectan
Ambar sinalou que xa é posible desfrutar dalgúns dos episodios nos que estiveron traballando David González, Sonia Alonso, Angy Devesa, Fran Romero, Bea González, Espe Silva, Manu Vilas, Manu Alonso, Noe Argibay e Vane Villar. O programa está dispoñible tanto en Spotify como na súa canle de Youtube buscando “Diversos Podcast Asociación Ambar”.
Por temática tócanse cuestións como os animais, a sociedade ou mesmo conspiracións e extraterrestres.
Tamén aparecen convidados especiais como Raul Treus, concelleiro de Servizos Sociais de Boiro, Antía Alberte, concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ribeira, ou o grupo asesor do Proxecto Ría de Arousa Accesible, no que participaron Martín Ramallo e Sheila Santos.
Todos os episodios están narrados polas propias persoas con diversidade que escolleron os temas que máis interese lles suscitaban para realizar o seu propio programa.
Xa hai cinco episodios dispoñíeis nas plataformas dixitais, en Youtube e no Spotify.