Ambar presenta un repositorio de ferramentas tecnolóxicas integradoras para o profesorado

mércores, 5 de maio do 2021 S. P.

Irene, usuaria da asociación con sede no Barbanza, realizando actividades cun teclado adaptado

A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional presentou esta semana os detalles do seu novo proxecto inclusivo, que pon o foco, directamente, na docencia e nos centros educativos. O proxecto, abeirado ao programa EduDiversa, é en si mesmo unha fonte de recursos (moitos deles tecnolóxicos) dos que pode botar man o profesorado para tirar o meirande número de barreiras de integración. O Banco de Recursos EduDiversa conta cun espazo web propio na páxina de Ambar, dirixido a profesionais docentes e centros educativos. En palabras da asociación, o seu obxectivo é “facilitar a tarefa do profesorado na procura dos recursos que mellor se adapten ás características do seu alumnado”.
A presentación, enmarcada nas accións da Semana Internacional da Educación, fíxose en vivo na conta de Instagram da entidade e contou coa presenza de María Gómez, mestra e especialista en atención á diversidade funcional de Ambar, e de Lydia Parga, terapeuta ocupacional da asociación e responsábel do proxecto Terapia Ocupacional con Impresión 3D. Asistiron 35 persoas.
En palabras de María Gómez EduDiversa é unha árbore con 3 pólas: formacións, asesoramentos e unha terceira que é o novo Banco de Recursos. “Nel”, dixo, “recompilaremos a normativa de interese, recursos educativos e consellos pedagóxicos”.

Irene e Fran, integrantes da comunidade de Ambar, no Parque Periurbano de Ribeira

No que respecta ao labor de asesoramento, María comentou que a través de EduDiversa “podemos apoiar ao docente ou centro educativo poñendo ao seu servizo os recursos de Ambar e aportando consellos, tips para intervir, realizando un informe, unha valoración no propio centro educativo se fose necesario e un seguimento posterior”.
No que atinxe á formación, Lydia Parga apuntou que o que se pretende é “dar a coñecer que é a accesibilidade, que tipos de accesibilidade existen e cales son as adaptacións máis comúns segundo as necesidades coas que nos podemos atopar no ámbito educativo”. Tamén fixo fincapé na importancia de “mostrar o papel da terapeuta e da accesibilidade para que as nenas e nenos teñan igualdade de oportunidades no acceso ás materias ou incluso ao patio”.
Recursos multiformato
O Banco de Recursos EduDiversa conta con recursos multiformato, concretamente con aplicacións, programas informáticos educativos, recursos en liña, vídeos e material descargábel. Tamén con consellos, pautas e materiais didácticos sobre atención inclusiva destinados a persoas con e sen diversidade funcional. Estes están apoiados na experiencia dos e das profesionais de Ambar. Doutra banda, ten normativas e protocolos de interese, así como novidades no ámbito da investigación educativa e psicopedagóxicas, convocatorias de formacións e proxectos inclusivos de eficacia probada.
A formación ofertada sobre accesibilidade será impartida pola propia Lydia Parga. Celebrarase no mes de xuño e será de balde. A maiores, haberá unha xuntanza online guiada por María Gómez, mestra e especialista en atención á diversidade funcional de Ambar.

PUBLICIDADE