Amena consolida os 20 GB de datos para os clientes que pagan 19,95 euros/mes

luns, 20 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Semella que hoxe é o día no que os operadores de telecomunicacións deron o tiro de saída para a carreira da volta ao cole, e non cesan de realizar anuncios para captar e manter clientes, como Amena, que vai consolidar a súa última oferta de verán á través da que tanto aos seus clientes actuais como aos novos podían gozar do dobre de datos móbiles (até o 30 de setembro) no caso da tarifa de 19,95 euros.
Aínda que para outubro o resto de tarifas volverán á normalidade, quen pague 19,95 euros/mes non volverá aos 10 GB de datos anteriores, senón que manterá un volume de datos móbiles de 20 GB, deixando constancia do atractivo que ten para os consumidores o poder gozar dun elevado volume de datos no móbil.
Amena tamén inicia unha campaña promocional protagonizada por David Bisbal na que buscan dar a coñecer a súa oferta converxente con fibra de balde ao contratar tarifas de voz ilimitadas, ou sexa, a mencionada tarifa de 19,95 euros/mes con 20 GB de datos, ou a de 24,95 euros/mes con chamadas ilimitadas (e 50 GB de datos até o 30 de setembro). Cómpre salientar que para gozar destas últimas ofertas é preciso pagar cota de liña fixa, ou sexa, 21 euros adicionais ao mes, e dado que estas conexións de fibra son de 50 Mbps, estamos ante un prezo que non resulta especialmente competitivo, xa que outros operadores low-cost teñen prezos equivalentes ou mellores con coberturas superiores (tanto de fibra como de móbil).

PUBLICIDADE