Amena en casa estrea bonos de 20 GB adicionais por 9,95 euros

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Dende o ano 2013 Amena propón o uso de conexións móbiles 4G como solución para gozar de banda larga no fogar, mellorando as súas condicións ano tras ano, de xeito que partía dun volume de datos mensual de 10 GB até chegar aos 40 GB actuais, o que é unha interesante oferta por 29,95 euros/mes, que vén de mellorar coa posibilidade de poder engadirlle até 5 bloques de 20 GB adicionais por 9,95 euros cada un. Superado o volume de datos contratados a velocidade de conexión baixa até os 128 Kbps.
As conexións Amena en casa carecen de custos de instalación e cota de liña, podendo empregarse simplemente con conectar o seu router a corrente eléctrica onde haxa cobertura 4G, pasando así a gozar dunha conexión con velocidades de entre 20 e 50 Mbps de baixada (con picos de até 150 Mbps), o que en moitos casos é máis rápido que as conexións de ADSL. Outra vantaxe deste tipo de conexións é que son móbiles, ou sexa, que poden empregarse en distintos domicilios, polo que pode resultar práctico para familias que teñan unha segunda vivenda.

PUBLICIDADE