Amena promociona unha oferta combinada agochando custos

xoves, 7 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Esta semana Amena está a lanzar unha campaña promocional na que oferta aos seus clientes móbiles «fibra gratis», no que podemos considerar como un exercicio de opacidade que vai radicalmente en contra do lema da marca, «así de claro», xa que non está a ofrecer nada de balde, e agocha profundamente o prezo real do servizo contratado, de xeito que hai que acceder ás condicións legais para poder coñecer os detalles e a letra miúda, de aí que esta promoción estea a ser fortemente criticada na Rede.
A promoción Fibra Orange para clientes Amena consiste en permitir que os usuarios con liñas móbiles de Amena de 19,95 ou 24,95 euros/mes poidan gozar de fibra óptica de 50 Mbps de Orange no seu fogar supostamente sen custo adicional, contando tamén con chamadas ilimitadas a números fixos e router, aínda que agochando bastante que hai que afrontar o pagamento dunha cota de liña de 21 euros aos que habería que sumar 2 euros máis de querermos identificación de chamada e, para rematar a faena, subscribindo un compromiso de permanencia en fibra por 12 meses.
No caso de interesar esta oferta, existe a garantía de que se mantería como mínimo durante un par de anos, pero posiblemente non resulte tan atractiva ao coñecerse que a conexións de fibra óptica contratada non é tan boa como poderiamos pensar inicialmente, xa que, lonxe das conexións simétricas que imperan hoxe (ou das que teñen unha boa velocidade de subida) a fibra de 50 Mbps ten unha velocidade de subida de 5 Mbps, ou sexa, que tería unha relación entre a subida e a baixada equivalente á meirande parte das ofertas de ADSL e cable, o que pode resultar moi decepcionante (especialmente se comparamos con outros operadores de baixo custo como Lowi, que para 50 Mbps de baixada ofrece 50 ou 30 Mbps de suba segundo a tecnoloxía coa que teña cobertura).
En calquera caso, promocionar ofertas combinadas de telecomunicacións a 19,95/24,95 euros/mes que na práctica poden quedar en 42,95/47,95 euros, é unha práctica que roza o engano (especialmente porque para instalar fibra óptica non é precisa unha liña de telefonía fixa), e que, vista en profundidade, pode incluso resultar pouco atractiva (non só polos custos ocultos, senón polas condicións do servizo de banda larga fixa).

Anuncio televisivo da polémica promoción de Amena

PUBLICIDADE