Ames achega unha longa listaxe de obradoiros informáticos para todas as idades
xoves, 7 de marzo do 2019
O
Concello
de Ames e a aula CeMIT local veñen de presentar un amplo programa
formativo para esta recta final do inverno e o comezo da primavera:
unha longa listaxe de cursos para todas as idades e para todos os
niveis de coñecemento. As actividades xa comezaron estes días con
diversas accións centradas na xuventude: un obradoiro sobre xadrez
impartido por Alberto Dios (este venres pasado), un sobre o manexo de
rato e o teclado destinado a menores de oito anos (estes luns 4), un
sobre as técnicas de fotomontaxe para adolescentes) e dous (este
mércores) sobre programación con Scratch. Segundo informou o
Concello, en Semana Santa repetiranse boa parte destes obradoiros
para quen non puidera acudir aos xa celebrados.
Desta
maneira, recuncará o obradoiro sobre o manexo do rato e o teclado
destinado a menores de oito anos o luns 15 de abril, en horario de
10.00 a 12.00 horas. Tamén haberá máis talleres sobre programación
co novo Scratch, no que os/as rapaces/as aprenderán as nocións
básicas desta ferramenta de cara a facer unha actividade libre
relacionada co entroido. O día 16 estará destinado para menores de
10 anos e o 17 os alumnos e alumnas serán os maiores desta idade.
Ambas actividades realizaranse de 10.00 a 12.00h.
A
aula CeMIT de Ames
continuará en marzo a impartir o ciclo de introdución á
informática, formado por tres cursos enfocados en achegar a
informática aos adultos, dende o punto máis básico ata un uso máis
avanzado de Internet. A primeira destas ensinanzas, impartida en
febreiro, levou por título Iniciación á Informática e
buscou introducir aos participantes no uso dun ordenador. A partir de
aí, todos os martes, mércores e xoves do 7 ao 21 de marzo,
impartirase un curso de Iniciación a Internet, no que se
partirá dun uso básico do ordenador para introducirse na Rede, co
obxectivo de sacarlle o máximo partido. Así, ensinarase a usar o
navegador de Internet e os distintos buscadores, así como o manexar
múltiples e útiles servizos na rede como prensa, radio,
televisión...
O
remate do ciclo virá co Curso de Iniciación ás redes sociais,
a través do que os participantes poderán ver de primeira man as
posibilidades que ofrecen redes sociais como Facebook, Twitter,
Instagram ou Youtube. A devandita actividade realizarase do 26 ao 28
de marzo en horario de 10.30 a 12.00h, ao igual que os anteriores.
Asemade,
despois dos obradoiros sobre o manexo do procesador de textos
LibreOffice Writer, chega o momento de pasar ao manexo das follas de
cálculo LibreOffice Calc. Así, do 7 ao 21 de marzo impartirase un
primeiro curso das nocións básicas desta ferramenta, mentres que do
26 marzo ao 4 de abril terá lugar unha segunda parte na que se
afondará nas súas posibilidades. Ambos obradoiros impartiranse os
martes e xoves en horario de 18.15 a 19.45h. O ciclo pecharase cunha
última formación centrada en como realizar presentacións co
LibreOffice Impress, que se realizará os martes e xoves do 9 ao 16
de abril, de 17.45 a 19.45 horas.
Charla
sobre a contratación de viaxes e a economía colaborativa
Co
fin de dar a coñecer os dereitos que nos amparan cando contratamos e
realizamos unha viaxe, un coñecemento que converte ao usuario nun
consumidor/a responsábel, conectarase a aula CeMIT local (a través
de videoconferencia) coa Escola Galega de Consumo, o luns 11 de
febreiro, de 12.00 a 13.00h, onde se desenvolverá unha charla sobre
consellos para tomar certas precaucións á hora de deseñar as
viaxes e conseguir unha boa experiencia en todos os sentidos.
Ademais, a charla completarase cun achegamento ao concepto de
economía colaborativa, e a análise dos diferentes servizos
ofertados polas novas plataformas que nos últimos anos están a
xurdir no mercado.
Cursos
para adultos
No
mes de abril, impartirase un curso de iniciación para aprender a
manexar o móbil intelixente. Así, os/as participantes achegaranse
ao Android e poderán resolver todas as dúbidas que os e as asaltan
sobre o seu uso diario. Para isto, afondarase no manexo da interface
de Android e as súas principais aplicacións. A actividade
impartirase todos os martes e xoves, do 2 ao 25 de abril, en horario
de 10.30 a 12.00h.
Por
outra banda, do 23 de abril ao 2 de maio, todos os martes e xoves
realizarase un novo curso sobre a Administración Electrónica e as
súas posibilidades. Así, buscarase “derrubar os variados
problemas e dúbidas que un usuario se pode atopar cando decide
converterse nun cidadán dixital”. Para iso, afondarase en todo o
necesario para familiarizarse co emprego do DNI electrónico, os
certificados dixitais, a Chave365, como acceder á sede electrónica
do Concello de Ames e ao portal É-Saúde, entre outros servizos. O
curso realizarase en horario de 18.15 ao 19.45 horas.
Exames
EMA
Nos
meses de marzo e abril tamén se realizarán exames EMA, que
consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma
en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de
Aprendizaxe CeMIT. Así, a primeira destas probas realizarase o
venres, 15 de marzo, de 12.00 a 13.00h, mentres que en abril terá
lugar o venres 12, en horario de 17.30 a 18.30 horas.
Exames
CODIX
Ao
longo de marzo abrirase a convocatoria para realizar o exame CODIX en
modo teleformación. Os inscritos que resulten escollidos no sorteo
terán que realizar ao longo de tres meses un curso online de
aproximadamente 200 horas dende o Espazo Multimedia de Aprendizaxe
(EMA), o que lles permitirá presentarse ao exame.